BNG propón modificar o canon eólico e apostar pola participación pública no sector en beneficio das galegas e galegos
O BNG emprazou ao Goberno do PP o cambio de modelo eólico en Galiza, actualmente baseado no canon posto polo goberno Feijóo, e demandou unha participación pública directa no sector a través dunha empresa pública de enerxía que garanta o retorno aos galegos e galegas da riqueza xerada polos beneficios das eólicas.
“O canon non é a forma máis axeitada de retornar á sociedade unha compensación polo impacto xerado”, esgrimiu a portavoz de Enerxía, Noa Presas, que expuxo en comisión o “moi escaso retorno” do canon eólico que aprobou o Goberno do PP en substitución do modelo “participativo e democrático” impulsado polo BNG cando foi responsable da Consellería de Innovación e Industria. “Nunca Galiza tivo tanta potencia eólica instalada nin xerou tanta enerxía eólica coma neste momento e, porén, a recadación está estancada”, denunciou a parlamentaria nacionalista, que criticou o “escaso” beneficio dun canon “que de 2010 a 2022 perdeu 2.250.000 euros”, remarcou.
De feito, relatou a deputada do Bloque, “hoxe os propietarios reciben de media menos do 3% do total da facturación dos parques, os concellos arredor do 5%”, con exemplos como o do parque eólico Serra das Penas, “con menos de 750 euros de pagamento anual en 2020 pola ocupación de terras que agora teñen posto un aeroxenerador, é dicir, ocupadas en pleno dominio por EGPE. Cada turbina produciu nese ano, segundo a nosa propia estimación, 227.742,80 euros”, o que evidencia, a ollos do BNG, “un desaproveitamento da capacidade recadatoria” neste negocio.
Este “fracaso” do modelo eólico do PP exemplifícase, argumentou Presas, “se analizamos a diferenza entre o orzamentado e o finalmente recadado entre o ano 2010 e o último ano con liquidación orzamentaria pechada, porque a Xunta recadou menos do que se orzou inicialmente, a diferenza acumulada é de 2.5 millóns de euros”, criticou.
Outra das eivas do “estrepitoso” modelo, reprobou a portavoz de Enerxía, é o do Fondo de Compensación Ambiental “cuxo montante total leva anos conxelado. A Xunta acapara para si a metade e despois destina algo máis de 11 millóns de euros”, polo que, sinalou, este modelo “non garante un trato xusto aos concellos directamente afectados” pola instalación de muíños de enerxía. Puxo un exemplo, o do concello de Muras, “no que a Xunta recadou 2,2 millóns de euros ao ano desde 2010, dos cales o consistorio só recibiu unha cuarta parte, 500.000”, un concello “do que non hai cifras similares no contexto do Estado”.
O canon eólico do PP, ademais, “non ten en conta o factor de repotenciación”, isto é, a mellora da enerxía xerada sen necesidade de aumentar o número de aeroxeneradores, senón todo o contrario, con menos muíños xérase máis enerxía. Presas puxo de exemplo desta situación “o primeiro parque eólico de Galiza, Cabo Vilán, que en 1992 contaba con 22 aeroxeneradores e 3,6 MW de potencia e no 216, só con dous, xera 5,46MW”. No actual imposto os pagos son por muíño “independentemente da capacidade produtiva deste e só a partir de 3 instalados”, sinalou a parlamentaria nacionalista, polo que empresas como a de Cabo Vilán “agora pagan 130 mil euros menos ao ano”.
“Non pode ser que nun país especializado na produción de enerxía, que vive un boom eólico sen precedentes e que asiste á transformación do sector, nos resignemos coas migallas”, emprazou a portavoz de Enerxía, que expuxo o modelo do BNG “que aposta pola participación pública directa en beneficios do sector a través dunha empresa pública de enerxía”, e impeleu ao Goberno do PP “a mudar o deseño do imposto para que teña como feito impoñible a potencia instalada do parque eólico e non o número de aeroxeneradores, para o que é necesaria unha mesa de negociación cos concellos galegos”, concluíu.