O BNG propón modificar algunhas reglas da Cámara galega para gañar Democracia

Tereixa Paz reclamou transparencia, participación cidadán e rexeneración democrática na Cámara galega contra a “mordaza” imposta por Ñúñez Feijóo e o Partido popular

Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe, constituír unha ponencia conxunta co fin de elaborar unha lei para reformar algúns dos aspectos do regulamento da Cámara galega na procura de convertelo nunha institución máis democrática. O PP votou en contra apoiandose na "xenerosidade" do grupo maioritario para aceptar inciativas e debates propostos pola oposición.

Tereixa Paz afirmou que as reformas son necesarias para erradicar as práctica “corruptas” e dende o BNG, cremos que a rexeneración democrática debe comezar nesta primeira institución, no Parlamento galego “onde reside a soberanía do pobo”.

A deputada criticou que existan deputados e deputadas que consideren o Parlamento galego como “un xoguete ou parlamentiño”, para nós, afirmou, de maneira rotunda, “non o é” e consideramos que despois de vinte anos hai que abordar a súa reforma con cambios de “grande calado”.

Neste sentido incidiu novamente na urxente “rexeneración democrática, na transparencia e participación da cidadanía”. Nos últimos anos coa volta do Partido popular á Xunta,explicou, produciuse unha involución do regulamento e o Partido popular pretende converter este parlamento nunha “terminal do Goberno” impedindo na práctica o control do Executivo a súa función de transmisor dos problemas da cidadanía.

A xuízo da nacionalista, o regulamento da Cámara só sufriu “pequenos parches” en interese sempre do grupo maioritario do Partido popular polo que defendeu recoller as consecuencias para os casos nos que o Goberno non cumpra as resolucións parlamentarias e penalizar a “ocultación” da información requirida á Xunta de Galiza. Asemade Paz criticou a intención de Núñez Feijóo de suprimir a “inviolabilidade” dos deputad@s, proposta que ao seu entender, só busca “amordazar, aínda máis á oposición”.

O PP votou en contra da proposta nacionalista

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Pedro Puy defendeu o actual regulamento e salientou a “xenerosidade do grupo maioritario” á hora de aceptar debates da oposición ao que a deputada do BNG replicou ironicamente, Viva a democracia!, pido a todos e a todas que nos poñamos en pé porque nos permiten presentar iniciativas!

Controvertida emenda do Grupo Mixto

A parlamentaria do G.Mixto, Consuelo Martínez, pola súa parte, presentou unha emenda á proposta do BNG vinculando a produtividade dos deputados co seu soldo, emenda que Tereixa Paz aceptou pero sobre a que dixo, “ que nada tiña a ver co regulamento”.

A parlamentaria nacionalista sen embargo criticou que ex-deputada de AGE “non suscitara este debate cando negociou as retribución para o seu paso ao Grupo Mixto."

Os deputados e deputadas do BNG, concluíu , “somos os que menos problemas teriamos en que se nos pagara en función do rendemento”