O BNG propón mobilizar 800 M€ para xerar emprego de calidade e rescatar os servizos públicos

A deputada Ana Pontón cualificou as emendas do BNG de “antídoto contra as políticas fracasadas de Feijoo” e apelou a un cambio de “modelo económico” que outorgue a Galiza “capacidade e instrumentos” para enfrontar os retos con estratexia propia

 Pleno.- A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu unha emenda transversal co fin de “mobilizar 800 millóns de euros” para destinalos á creación de emprego de calidade, rescatar os servizos públicos e dereitos sociais e unha “clara aposta” pola lingua e cultura como factor de benestar e desenvolvemento colectivo.

A deputada apelou a un cambio de modelo económico que outorgue a Galiza “capacidade real de decisión e instrumentos para poder enfrontar os retos que como pobo temos”.

Ana Pontón explicou que as emendas do BNG pretenden ser “un antídoto” contra a resignación e subordinación das “políticas fracasadas e inxustas de Feijóo”, está claro, dixo que seis anos de recortes constitúen un “sexenio negro” que incrementou o paro, máis desigualdade e emigración xuvenil e menos xustiza social e oportunidades.

O Goberno de Feijóo, dixo, teima en repetir os erros presentando uns orzamentos que inciden nos recortes, esquecen a política social e a creación de emprego e están trufados de “mentiras e promesas electorais”

Fronte a política fracasada, cambios nas políticas de gastos e ingresos

A Xunta, dixo, podería dispor de 240 millóns de euros subindo o tipo que se aplica as rendas de 60.000 a 120.000 euros ao 24,5 e crear un novo tipo para as rendas de 120.000 AO 25,5 co fin de recadar 18 M€. Ademais de “aplicar unha suba no imposto sobre patrimonio daqueles máis elevados” que permitirían recadar 35 millóns máis.

Por outra parte, reclamou dous novos impostos aplicados ás grandes superficies e depósitos bancarios cos que, dixo, “poderíamos obter 135 millóns de euros, a maiores”.

Pontón lembrou que a proposta do PP que modifica o imposto de sucesións e doazóns supón un regalo de 42 millóns de euros ás rendas máis altas.

Menos cemento e máis innovación, creatividade e dereitos colectivos

A deputada apostou por destinar 78 M€ máis á Sanidade, 34 a Educación e 52 millóns máis ás políticas sociais aos que engadiu 98 ás políticas de industria e emprego e 65 millóns de euros para un plan de industrialización e fomento de I+D+i e 68 millóns para un plan de emprego destinado a traballadoras e traballadores máis vulnerábeis e retorno da emigración xuvenil.

Ante a preocupante situación do sector naval, a deputada defendeu utilizar 28 M€ para o centro de reparacións e 24 millóns para medidas de industrialización e transformación no sector lácteo. O BNG tamén destina 16 millóns de euros á dinamización de terras agrarias, banco de terras e pequeno comercio.

Rescate dos servizos públicos e dereitos sociais

Para o BNG, dixo a deputada, a principal preocupación é abordar o grave problema das infraestruturas sanitarias e rescatar o dereito da saúde das persoas.Neste sentido propuxo “repoñer persoal médico e enfermería gravemente recortado” e destinar 8 M€ para impulsar medidas de calidade e incluír no calendario vacinal a “vacina da meninxite B”

Educación

Precisamos repoñer profesorado, apoiar ás familias, gratuidade universal dos libros de texto, medidas que na súa opinión, teñen máis impacto social que o cheque bebé. O BNG introduce 38 millóns para política de bolsas co fin de apoiar as rendas máis baixas para o acceso ás universidade.

Ademais, dixo, son necesarias outras medidas para loitar contra a pobreza destinando 55 M€ para un “Plan de emerxencia social e contra os desafiuzamentos”.

Lingua e cultura galega

“Unha aposta clara pola nosa lingua e cultura como factor de benestar e desenvolvemento colectivo”, e contra unha “política antigalega reducida nos orzamentos a unha situación anémica grave”. Sobre este ámbito, a deputada propuxo destinar 17 millóns para a promoción do galego, a aplicación real do Plan de Normalización Lingüística e apoio aos sectores culturais do libro, teatro e audiovisual.

Medio Ambiente

Finalmente, a deputada reclamou defender todos aqueles aspectos relacionados co medio ambiente destacando o saneamento das rías, a compostaxe, medios de transporte menos contaminantes e restauración dos espazos naturais protexidos.

Os votos contrarios do Partido popular impediron que prosperaran as emendas nacionalistas