BNG propón mobilizar 700M€ contra a crise económica e industrial e crear emprego para combater as desigualdades
BNG, a través da deputada Olalla Rodil, defendeu un Plan dotado con 700M€ contra a crise económica, social e industrial e destinado a crear emprego para combater as desigualdades. Un plan dixo, para a “transformación e modernización de Galiza”.
Un plan de choque, “destinado a facer fronte á crise, axudar ás persoas que máis o precisan e encamiñado a soster o tecido produtivo”. Rodil lamentou que o Partido popular anunciara o voto en contra á proposta nacionalista.
Na súa intervención, a nacionalista indicou que Galiza vive unha situación inédita xa que nunca un presidente da Xunta abandonara o cargo en medio dunha lexislatura deixando un goberno “interino ,sen impulso, paralizado desde hai meses e máis preocupado e ocupado nos problemas internos do Partido Popular que nos problemas que viven cada día milleiros de galegas e galegos”.
Un goberno, recalcou, “incapaz” de actuar no inmediato para dar resposta ás consecuencias da maior crise de prezos en 40 anos e cunha inflación do 10,5%.Un goberno, insistiu, dedicado 24 horas os 7 días da semana, ao que mellor se lle dá: buscar a quen botarlle a culpa de todo: se non é o bipartito, que non goberna desde hai 13 anos, é Portugal, o Banco de España, Catalunya, Zapatero, Pedro Sánchez, ou ao cha-cha-chá e, por suposto, desde as pasadas eleccións de 2020 a culpa de todo é o BNG.
Un goberno que anuncia e anuncia pero non cumpre e para mostra un botón, “as taxas portuarias” que aínda non foron publicadas no DOG ou o bono eléctrico ás Pemes, axudas que xa existían e van dirixidas a mercar unha cafeteira que gaste menos cando hai moitas empresas que non poden pagar as facturas.
As galegas e galegos precisamos políticas para dar resposta no inmediato ao máis urxente: “un rescate social que alivie as dificultades económicas que atravesan moitos fogares e empresas deste país como afirmou a portavoz nacional BNG recentemente, cunha proposta concreta, un Plan para mobilizar 700 millóns de euros”.
Rodil preguntou que balance deixan 13 anos de goberno de Feixóo en Galiza e respondeu que o grande mérito do PP foi non reclamar competencias e menos persoas traballando. O goberno do Partido popular deixa “un feixe de promesas incumpridas” como os milleiros de empregos prometido con Pemex e que finalmente o único que deixou foi dous floteis, Barreras quebrado e “o seu contacto na petroleira, Lozoya, enchironado”.
Rodil tamén se referiu á xestión do Partido popular para perpetrar o “maior ataque aos dereitos lingüísticos das galegas e galegos que tivo lugar en democracia”.
Dende o BNG propoñemos sentar as bases dun “plan de transformación e modernización deste país” situando a “enerxía e o coñecemento como motor”. A nacionalista apelou a reducir a dependencia dos combustibles fósiles promovendo as enerxías renovables de maneira ordenada e con todas as garantías a través dun Mapa de ordenación das enerxías renovábeis (eólica e fotovoltaica) consensuado e planificado baseado en criterios de sustentabilidade e de retorno da riqueza ao pais. “Vivimos nun país que produce electricidade a esgalla, a inmensa maioría procedente de fontes renovables, por riba xa dos obxectivos que marca a UE”, pero non tiramos o máis mínimo proveito desta condición. Pagamos os custes sociais e ambientais mentres a riqueza que xeran os recursos naturais deste país só engorda os beneficios dun puñado de empresas.
Queremos utilizar a I+D+i como panca de desenvolvemento cun investimento estábel en liña co horizonte europeo (2,5% do PIB). Crear o Innogal para reter e facer retornar o talento ao que sumou un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial que permita xerar valor engadido no noso país a través dos sectores produtivos tradicionais pero tamén doutros emerxentes.
Galiza, as galegas e os galegos, non nos podemos permitir o “inmobilismo que representa o Partido Popular” concluíu.