O BNG propón mobilizar 700 millóns de euros para emprego e gasto social

Jorquera defendeu unha emenda transversal contra o “corsé que impón o PP” porque hai marxe  para  o crecemento económico e benestar social, a través doutras  políticas impositivas  aos que máis teñen

Pleno- Por moito que o PP se empeñe en impoñer o “pensamento único”, hai outras maneiras de facer políticas para dinamizar a economía e crear emprego asegurou o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera na defensa da emenda transversal do BNG aos orzamentos do Partido popular para o 2014.

Dende o BNG, dixo, propoñemos mobilizar 700 millóns de euros, “froito de cambios impositivos e medidas de aforro” que permitirían dotar con 50 millóns de euros “un plan extraordinario de fomento de emprego”, investir 200 millóns de euros en sanidade, suspender os copagos como o que se establece para os enfermos crónicos e destinar 38 millóns máis para a mellora da atención primaria con 27 para a redución das listas de espera.

Jorquera tamén asegurou que a emenda transversal do BNG contempla incrementar en 20 millóns á atención a dependencia, 15 para a renda de integración social, 5 para a loita contra os desafiuzamentos así como partidas para a atención ás vítimas de violencia de xénero.

No apartado de ingresos, propuxo “gravar máis as rendas altas no tramo do IRPF, elevar a actual escala deste imposto nos grandes patrimonios, e establecer un imposto sobre os depósitos bancarios, grandes superficies comerciais e empresas contaminantes”.

Por outra banda, as emendas nacionalistas avogan por “aforrar no gasto corrente improdutivo e impedir financiar servizos públicos básicos a través de fórmulas de colaboración público-privada”.

Máis recursos para Educación e Cultura

O nacionalista, que pola mañá criticou os recortes nos Orzamentos defendidos pola conselleira de Facenda, Elena Múñoz, afirmou que a proposta do BNG tamén permitiría mellorar en 85 millóns o investimento do ensino e cultura galegas, restablecer o sistema de préstamo universal de libros de texto con 11 millóns e evitar o copago nos comedores destinando 8 millóns de euros para este cometido.

A recuperación de programas como Preescolar na casa, mellorar os recursos nas universidades galegas, bolsas, proxecto e contratos de investigación foron reclamacións defendidas polo deputado do BNG.

Mobilizar 700 millóns de euros pode reconstruír “o que leva destruído o PP con políticas regresivas”.

Impulsar o Plan Xeral de Normalización Lingüística e a incorporación do galego no ensino, apoiar o libro galego, as artes escénicas, a industria cultural así como dotar con 22 millóns de euros un plan de industrialización e modernización dos sectores produtivos entre os que destacou a mellora do sector Naval, o agro e o mar foron reivindicados polo portavoz nacionalista.

Por outra parte, lembrou que “é de xustiza” mellorar a protección social das mariscadoras e traballadores do mar, sanear as augas e incentivar o transporte colectivo coa creación “dunha compañía ferroviaria galega que evite o desmantelamento dos servizos internos”.

Na partida de 700 millóns de euros mobilizados polo BNG tamén figura “incrementar as retribucións dos empregad@s públicos” deixando sen efecto a conxelación salarial.

“Dentro do marco tan limitado que establece o Partido popular, dixo hai marxe porque outras políticas, son posíbeis”, concluíu.