O BNG propón mobilizar 1.600 M€ para que as contas do 2021 respondan ás necesidades de Galiza na crise da Covid19
A portavoz parlamentaria de Economía do BNG, Noa Presas defendeu “mobilizar 1.600 M€” para atender as urxencias dos sectores máis danados pola pandemia, reforzar a sanidade e impulsar un modelo produtivo baseado na investigación e a ciencia.
A nacionalista cualificou de “rutineiras e oportunidade perdida” as contas presentadas pola Xunta para o 2021 porque non atenden as consecuencias económicas da a pandemia e “non priorizan o inicio da reactivación económica”, a pesar de contar con fondos extraordinarios.
Noa Presas propuxo destinar 100 millóns de euros para axudas directas á hostalaría, 250 M€ para reforzar a Atención Primaria, e 100 millóns de euros para fomentar a contratación estable e reducir as lista de espera. Asemade, reclamou destinar 40M€ para incrementar as pensións non contributivas, 240 M€ para o ensino e rematar coa fenda dixital.
A deputada do BNG afirmou que os Orzamentos do 2021 repiten un “modelo fracasado”, non blindan os servizos públicos e non xeran novos postos de traballo. Neste proxecto, dixo, o Partido Popular escolle un camiño unilateral e previsible renunciando a intervir activamente na economía e ao autogoberno. “Non move unha coma da política fiscal, non aposta pola participación pública nos sectores estratéxicos, non incrementa dereitos laborais, nin sociais, nin blinda os servizos públicos”, recalcou Presas.
Neste sentido, considerou “inaceptable” que o Goberno galego renuncie a mudar a política fiscal e aproveite a marxe que permite o autogoberno para introducir maior progresividade. “Estes van ser os únicos orzamentos expansivos da lexislatura, con fondos extraordinarios, pero os problemas da Covid e do noso país non se van resolver en 12 meses”. Dende o BNG propoñemos incluír medidas para dotar de progresividade o IRPF ou os Impostos de Patrimonio e de Sucesións e Doazóns.
No BNG, reiterou Presas queremos que Galiza se asente “nos piares da xustiza social, a saúde e sostibilidade”, por iso propoñemos gravar ás grandes superficies comerciais, as bebidas azucradas, vivendas baleiras e apostamos por crear impostos medioambientais.
Ao longo da súa intervención, Presas defendeu o apoio ao comercio de proximidade, garantir o dereito á vivenda, atender aos colectivos máis castigados entre os que destacou a mocidade e mulleres blindando a loita contra a violencia machista co 1% do orzamento, blindar tamén os servizos públicos, un verdadeiro plan de atención á saúde mental, un novo modelo de residencias e dignificación o Servizo de Axuda no Fogar, reter o talento cun Pacto galego pola ciencia marcando como obxectivo ao 2,5% do PIB, unha estratexia para a reindustrialización e peche de ciclos produtivos, participación pública da Xunta en Alcoa, apostar pola enerxía e o sector naval, e un Plan de acción para a preservación da biodiversidade e loita contra a crise ambiental, concluíu.
Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez anunciou que o Partido popular non aceptará as emendas propostas polo BNG.