BNG propón medidas para facilitar a inserción laboral das mulleres trans e combater a súa discriminación neste ámbito
BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a desenvolver medidas para combater a discriminación das mulleres trans no ámbito laboral e facilitar a súa inserción no mercado de traballo.
Así, e logo de recalcar que “o que non se nomea non existe e, polo tanto, o que non se estuda, non se corrixe”, a deputada nacionalista Iria Carreira propuxo a realización dun estudo no que se afonde na situación das persoas trans e non binarias a respecto da súa situación no mercado laboral e no que se reflicta tamén as posibles discriminacións que estean a sufrir e se determinen as medidas a adoptar para erradicar estas actitudes de exclusión, tanto no sector público coma no privado.
De igual xeito, e en base aos datos extraídos desta análise, avogou pola elaboración dun protocolo de igualdade e boas prácticas no ámbito empresarial e das relacións laborais en materia de non discriminación que permita mellorar a inserción laboral das persoas trans e especificamente das mulleres trans. “Un protocolo no que, por exemplo, se socialicen e se dean a coñecer as axudas que existen a día de hoxe á contratación das persoas trans a través do Plan Galicia Emprega”, exemplificou.
Carreira repasou algunhas estatísticas a nivel estatal e europeo, xa que practicamente non existen datos a nivel galego, e advertiu que o 77% das mulleres trans sufriu algún tipo de discriminación á hora de buscar emprego, entre as que sinalou as dificultades por non posuír unha documentación acorde coa súa imaxe e identidade social, prexuízos e estereotipos ao redor do trans nas empresas, interrupción dos procesos selectivos tras coñecer á candidata na entrevista de traballo ou o rexeitamento por parte do sector empresarial a contratar a persoas trans para evitar controversias.
Discriminacións que, segundo recalcou, non só se limitan ao proceso de busca de emprego, senón que se manteñen no caso de acceder a un posto de traballo, co rexeitamento de compañeirxs e mandos superiores no momento de comezar a transición, invisibilización e ocultación no posto de traballo, menosprezo polas súas accións e opinións e dificultades para expresarse con liberdade.
“Sabemos que está acontecendo unha discriminación importante e ante isto podemos seguir actuando coma se o tema non fose connosco ou poñer todos os medios para solucionalo”, apelou, para a continuación lamentar o veto do PP á iniciativa escudándose en que xa se estaban implantando outras medidas, “como se o feito de que se estean a facer cousas impedise seguir afondando e facer máis”, afeou a deputada nacionalista. “O que está a facer a Xunta é quedarse na superficie, na autocomplacencia de que se están facendo algunhas cousas, sen entrar no foco do problema”, concluíu.