BNG propón a mediación da Xunta coa Igrexa para que Mugardos poida facerse coa propiedade da casa de Bello Piñeiro
O PP votou en contra dunha iniciativa para dar resposta a unha demanda histórica do Concello, compartida polas diferentes corporacións municipais
O deputado do BNG Ramón Fernández defendeu no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta medie coa Igrexa co obxectivo de que o Concello de Mugardos poida facerse coa propiedade da casa natal de Felipe Bello Piñeiro (O Seixo, Mugardos, 1886-1952), recoñecido como un dos iniciadores e máximos representantes da corrente paisaxística da pintura galega e gran activista cultural, sobre todo na comarca de Ferrol.
O fin último da iniciativa é salvar a casa do “estado calamitoso” no que se atopa, apuntou o deputado da comarca, quen advertiu que non actuar con axilidade suporía unha “perda irreparable” dun patrimonio “valiosísimo”. Xunto ao valor arquitectónico do inmoble, Ramón Fernández destacou o dos murais pintados polo propio Bello Piñeiro que adornan boa parte das estancias interiores da casa, inspirados en motivos célticos e que veñen de ser redescubertos para o público en xeral polo historiado Bernardo Máiz.
A recuperación da casa de Bello Piñeiro, situada no número 123 da avenida do Seixo e propiedade do Arcebispado de Santiago, é unha demanda xa histórica do Concello de Mugardos, compartida por corporacións de diferentes filiacións política, explicou.
“A recuperación e rehabilitación da casa e da capela anexa é unha vella aspiración do Concello, mais sempre topou coa negativa por parte da Igrexa a chegar a un acordo razoábel, limitándose a ofrecer ao concello a posibilidade dunha cesión temporal en precario, o que significaría que todas as obras de reparación que se puideran realizar reverterían sen compensación en favor da Igrexa ao rematar o prazo da cesión temporal”, engadiu Ramón Fernández, que achacou á “neglixencia e abandono” da Igrexa a situación case ruinosa na que se atopa o inmoble.
Malia ser unha demanda histórica do Concello, o PP votou en contra da iniciativa do Bloque que, en concreto, pedía tratar na comisión mixta Xunta-Igrexa Católica a posibilidade de traspasar a propiedade da casa natal de Felipe Bello, xunto á capela anexa. Como segundo punto na proposta, o Bloque emprazaba á Xunta a promover xunto co Concello de Mugardos un concurso de ideas para determinar os usos da propiedade unha vez rehabilitada. Finalmente, nun terceiro punto, reclamábase do Goberno galego colaborar economicamente na rehabilitación.
“Non estamos a pedir que a Xunta adquira a propiedade da casa, nin que poña diñeiro para a adquisición, apenas que use das súas ferramentas para facilitar un acordo”, asegurou na defensa da súa iniciativa o deputado nacionalista, que lamentou o rexeitamento do PP a buscar unha solución para o inmoble. “Non deben estar vostedes moi coordinados cos seus concelleiros, que si están pedindo axuda da Xunta”, recriminoulles aos deputados populares.
Felipe Bello Piñeiro naceu no Seixo, Mugardos, no ano 1886, e morreu no mesmo lugar en 1952. Iniciou a súa formación na Escola de artes e oficios de Ferrol para posteriormente asistir á Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid onde se iniciou no muralismo como axudante do profesor Garnelo Alda.
Retornou a Galiza en 1917, instalándose na Mariña, onde decorou entre 1919 e 1921 as paredes da casa Agrelo, en Viveiro, e publicou en 1922, o primeiro estudo sobre a cerámica de Sargadelos, da que foi un grande propagandista. Posteriormente e durante 10 anos realizou a extraordinaria decoración de estilo modernista da sala de conversas do Casino Ferrolano coñecida popularmente como “a pecera”. Ademais, e segundo as investigacións do profesor e doutor en historia, Bernardo Maiz, pintou murais cando menos noutros doce lugares, entre eles Mugardos, O Seixo, Franza, Caamouco, Valadouro ou A Coruña.
Tal e como lembrou Ramón Fernández na súa intervención, por enriba de todo Felipe Bello Piñeiro é recoñecido como un dos renovadores e máximos representantes da corrente paisaxista da pintura galega, así como un grande activista cultural, sobre todo na comarca de Ferrol, onde organizou e participou en obras de teatro, recitais, excursións, aulas de pintura, e múltiples conferencias de persoeiros como o alcalde Quintanilla de Ferrol, que sería asasinado durante o golpe de estado franquista, Otero Pedraio, Antón Vilar Ponte, Lugrís, Novoa Santos ou o mesmo Castelao.