O BNG propón en Mazaricos intervir no mercado para garantir prezos xustos para o sector lácteo galego
- Ana Pontón avanza que o BNG levará ao Parlamento medidas a favor do sector leiteiro tras visitar Mazaricos que conta con 400 explotacións lácteas
- No encontro co grupo de goberno municipal propuxo intervir no mercado para garantir prezos xustos e promover a elaboración de produtos transformados con valor engadido
A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional a Mazaricos xunto co deputado Xosé Luís Rivas, onde mantiveron un encontro co grupo municipal que lidera o rexedor Xoán Xosé Blanco, e co presidente da asociación de gandeiros, Oscar Blanco, e da asociación de hostaleiros, Jorge Jurjo.
Pontón trasladou ao goberno local as propostas que o Bloque levará á Cámara en canto arranque esta lexislatura, “a primeira das cales pasa por garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da Administración no mercado para evitar o dumping que se da neste sector”, a través das industrias e da grande distribución que extorsionan aos gandeiros.
“Hai tres datos que son clarificadores da delicada situación do sector: os gandeiros e gandeiras deste país seguen cobrando o prezo máis baixo do leite en todo o Estado, sete de cada dez explotacións leiteiras que pecharon en 2015 eran galegas e desde que en 2009 chegou Feijóo á Xunta botaron o peche 4.300 explotacións”, indicou a tamén portavoz parlamentaria.
Neste sentido, lembra o fracaso anunciado do acordo asinado fai máis dun ano en Madrid. Tras semanas de mobilizacións nas rúas, nas que os produtores de Mazaricos, co apoio explícito do alcalde, xogaron un papel clave, “díxoselles que ese acordo era a solución para acadar prezos xustos e a día de hoxe a situación é igual ou peor, coa mesma indefensión ante a industria, cos prezos máis baixos e sen apoio a un sector estratéxico para o país”.
“Esta situación ten que cambiar para sacar adiante un sector estratéxico para este concello e para o conxunto do país”, alegou Pontón, “non só a efectos económicos e de emprego senón tamén de equilibrio territorial e para frear o abandono do medio rural”.
O propio rexedor de Mazaricos destacou durante o encontro que o concello ten neste momento 400 explotacións gandeiras, “pero senón se toman medidas que fagan mudar o rumbo, en dez anos haberá menos da metade”, advertiu, co que iso significa para un concello con gran peso do sector do que, indirectamente, tamén se nutren outros, como a hostalería e pequeno comercio local.
Pontón tamén salientou que o BNG aposta por favorecer a transformación de produtos lácteos que xeren valor engadido e incrementen o nivel de ingresos das explotacións. Desde a Administración pública “hai que impulsar ir máis aló da venda de leite en bruto, é preciso apostar por xerar industria transformadora porque implica máis riqueza e máis emprego”, alegou a deputada, un aspecto no que tamén concorda o rexedor de Mazaricos.
Na xuntanza abordaron outras cuestións que preocupan ao Concello, como as dificultades de mobilidade entre municipios limítrofes e con cidades como Santiago, debido a falta dun servizo eficaz de transporte por estrada con horarios e prezos adecuados. Un aspecto fundamental para darlle calidade de vida a concellos como Mazaricos e frear a despoboación imparable dos últimos anos, que no caso deste municipio se traduce nunha perda de case o 50% da poboación en apenas unha década.