BNG propón intérpretes de signos 24/7 na sanidade e na escolarización para garantir os dereitos das persoas xordas
Pontón critica que Feixóo incumpra o acordo do Parlamento ante dereitos básicos e pide que o SERGAS se comunique por SMS con este colectivo, “puro sentido común”
Debe ser a Administración e non as familias as responsables de que o alumnado conte cun servizo de interpretación desde o primeiro día de curso até o fin da escolarización
Cun “ola, bos días” en linguaxe de signos, a portavoz nacional, Ana Pontón, iniciou a comparecencia tras a reunión co presidente da Federación de asociacións de persoa xordas de Galiza (FAXPG), Iker Sertucha, na que se abordaron as demandas deste colectivo en dous ámbitos especialmente sensibles: sanidade e educación.
“Algo tan sinxelo como este saúdo ou algo moito máis complexo como explicar unha doenza require que as persoas xordas dispoñan de intérpretes da lingua de signos que garantan o dereito á saúde e á educación, piares do estado do benestar”, explicou a líder do Bloque, servizo imprescindible para superar unha “barreira” comunicativa que dificulta o acceso das persoas xordas a dereitos básicos.
E para iso, o goberno de Feixóo debe cumprir os acordos do Parlamento, en concreto, o impulsado pola deputada nacionalista Mercedes Queixas para que todo o sistema da sanidade pública dispoña de intérpretes de signos 24 horas sete días a semana, acordo aprobado en febreiro de 2021 pero que, once meses despois, o SERGAS segue se cumprir.
“As persoas xordas tamén se poñen enfermas a fin de semana e se sempre é grave que o Goberno do PP incumpra un acordo parlamentario, neste caso aínda máis porque afecta ao dereito á saúde e porque é unha falta de respecto ás persoas xordas, sabendo ademais que houbo unha gran expectativa con este acordo, que de nada vale se a Xunta non o cumpre”, criticou Pontón. “Teñen dereito á mesma atención sanitaria que calquera persoa”, ratificou.
Similar circunstancia no ámbito educativo, onde os e as nenas con problemas de audición non sempre contan cun intérprete en tempo e forma en cada inicio de curso, “o que provoca sufrimento ao alumnado e nas familias, problemas de conduta, fracaso escolar e, en consecuencia, a exclusión dos nenos e nenas xordas ás que se lle restan posibilidades”.
Para garantir a súa inclusión nas aulas, o BNG pide ao Goberno de Feixóo interpretes de signos desde o comezo de cada curso e durante todo o tempo que dure a escolarización sen que esa responsabilidade recaia nos pais e nais, que a día de hoxe se ven obrigados a pedir ese servizo cada curso escolar.
“Debe encargarse a Administración asegurando a dispoñibilidade desde o inicio, porque se a intérprete chega dous meses tarde é un tempo perdido que provoca frustración no alumno porque durante a espera non pode comunicarse nin entender, o que dificulta a súa aprendizaxe e a súa inclusión na aula. É unha cuestión de máxima sensibilidade na que a Xunta debe actuar e, desde logo, desde o BNG imos seguir traballando até conseguilo”, advertiu Pontón.
En síntese, intérpretes na sanidade pública as 24 horas e 365 días; normalización por mensaxería escrita vía móbil (sms) da comunicación do SERGAS coas persoas xordas, “é puro sentido común e non se entende que algo se fixo con normalidade para toda a poboación no proceso de vacinación masiva non se faga para este colectivo”, argumentou Pontón. Igualmente, o servizo debe estar garantido na educación pública desde o inicio de cada curso, en horario completo e durante toda a duración da escolarización do alumnado.
Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi implantación do grao de interpretación de lingua de signos no sistema universitario galego, tendo en conta que desde 2016, tras o cambio da normativa acordado co propio colectivo de persoas xordas, non é posible a formación nesta disciplina como ciclo superior de FP. De momento nada se avanzou para poder impartir este grao universitario o que está provocando unha oferta de profesionais cada vez máis reducida, polo que o BNG xa avanza que levará ao Parlamento esta cuestión.
“Como sociedade debemos ser consciente da importancia de dar solucións aos problemas de colectivos con necesidades específicas, como é o caso das persoas xordas, para garantir a súa inclusión e o seu acceso a dereitos tan básicos como a sanidade ou a educación”, concluíu Pontón.