BNG propón incrementar como mínimo nun 5% o parque de vivenda pública
Alexandra Fernández afirma que o PP “xa non ten credibilidade” e promete “para mañá” o que non fixo en 14 anos de goberno
O BNG exixe á Xunta “transparencia” sobre a evolución do parque público de vivenda e que abandone a “propaganda electoral” prometendo crear 1.800 vivendas para a próxima lexislatura. A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández afirmou que novamente, “o PP promete para mañá o que non fixo até agora” e os anuncios de Rueda carecen de credibilidade tras 14 anos “ser facer nada en materia de vivenda”.
Para a nacionalista, “se o PP fixera os deberes en vivenda e a un ano das eleccións e tras 14 anos gobernando de forma continuada, sacaría peito dos resultados. Pero non ten ningunha conta de resultados da que gabarse”.
O Partido popular, reiterou, Fernández non fixo nada en 14 anos en materia de vivenda e agora , volve con falsas promesas. Neste punto, a deputada preguntou que credibilidade pode ter o PP cando o seu programa electoral do 2016 prometía rehabilitar 1.500 vivendas co programa Rexurbe e acadar 3.000 vivendas rehabilitadas no programa do 2020. De todas estas promesas, criticou Alexandra Fernández, no último informe publicado apenas había 10 inmobles rehabilitados.
O PP carece de credibilidade en materia de vivenda pública.
A nacionalista tamé preguntou que credibilidade ten o PP cando oculta a información das vivendas públicas creadas e porqué a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un documento de avaliación do Plan de Vivenda que “manipulaba os datos de creación de vivenda pública, contabilizando cambios de inquilinos de vivenda pública como novas vivendas”.
Que credibilidade ten o anuncio das 1.800 novas vivendas públicas cando segundo os únicos datos dispoñibles do Observatorio estatal confirman que no ano 2014 non se fixo ningunha vivenda de promoción pública en aluguer ao igual que nos anos 2015,16, 17 e só unha no ano 2018 e non temos máis datos porque o goberno négase a publicalos, denunciou.
Alexandra Fernández tamén preguntou como pretende o PP acadar 1.800 vivendas co Plan de vivenda 2021-2025 sen orzamento e sen executar o que orzamentan, porque no ano 2021, explicou tiñan orzamentada unha partida para a construción para vivenda pública da que só se executaron 4 M€ e no Programa Rexurbe, 10 millóns de euros dos que executaron 3,2. “Deixaron un 70% do orzamento previsto”.
O problema da vivenda pública en Galiza é o PP.
A xuízo da nacionalista, “o problema da vivenda pública en Galiza é o PP” e por iso, non resulta estraño que Alfonso Rueda esqueza dar os datos na súa comparecencia de cantas vivendas de promoción pública crearon. Por si o Presidente da Xunta non o sabe, existen 16.000 persoas inscritas no rexistro de Demandantes de Vivenda agardando por unha vivenda pública e mentres tanto, “o PP acumula un historial de varios anos con 0 vivendas públicas creadas”. Estás persoas, recalcou a deputada, precisan una vivenda, non máis propaganda electoral.
Programa do BNG para acadar o 5% de vivenda pública
Dende o BNG, dixo, “exiximos transparencia e compromisos concretos ao goberno” e que nos digan, dunha vez, cal foi a evolución do parque público de vivendas nos últimos anos. Esiximos compromisos para esta lexislatura porque resulta inadmisible que o PP presente en 2023 a estratexia para desenvolver o Plan de Vivenda 2021-2025. Que fixeron no 2021? Que fixeron en 2022? Que se comprometen a facer en 2023?
Dende o BNG queremos impulsar a vivenda pública e apostamos por un modelo que nos achegue á realidade europea e para iso contamos cun programa ambicioso, “acadar, cando menos un 5% de vivenda pública, xa que agora sitúase por debaixo do 1%”.
Un programa que recupere o orzamento en vivenda que o PP recortou e execute os compromisos orzamentarios. Ademais, propoñemos poñer en marcha unha comisión da vivenda pública e accesible encargada da promoción e construción de nova vivenda, adquisición de vivenda usada e a súa incorporación ao parque público.
Dende o BNG tamén demandamos unha posición firme na “reclamación do parque da SAREB ao parque público do Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS) e cumprir o acordo unánime logrado polo BNG no Parlamento galego instando á Xunta a reclamar ao goberno central a transferencia dos activos no territorio galego”, concluíu.