O BNG propón incentivos á compra de produtos locais, revitalizar mercados e enterrar o TTIP
- Xosé Luís Rivas, Mini: “É cuestión de sentido común apoiar o comercio de proximidade, e no caso dos produtos frescos garante un prezo xusto porque quen cho vende e case sempre quen o produce co seu traballo”
- O pequeno comercio xera emprego e revitaliza os barrios e centros de vilas e cidades
O BNG elixiu o marco da feira do pan de Neda para dar a coñecer as súas medidas de goberno dirixidas ao comercio local, que considera clave desde o punto de vista económico como fonte de creación de emprego, pero tamén pola súa capacidade de xerar dinamismo e cohesión social revitalizando barrios e centros de vilas e cidades.
O cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini, salientou especialmente as vantaxes da venta directa en prazas de abastos, mercados e feiras ao aire libre, cando se trata de produtos frescos do mar e da terra.
“Eu son dunha comarca gandeira, -Melide-Arzúa-, e non hai nada comparable en calidade á comprar nas feiras e nos mercados do país, ademais coa satisfacción de estar pagando un prezo xusto polo produto a quen mo vende que, case sempre, é a mesma persoa que o pescou, que o cultivou ou que o elaborou co seu traballo. Compro un produto fresco de calidade a un prezo xusto que me fixa o propio produtor, lonxe do abuso das grandes cadeas de distribución”.
Rivas salientou “a enorme importancia do pequeno comercio para dinamizar a economía e poñer en valor a produción propia”, ao que engadiu o feito de que, a diferencia das multinacionais da distribución, o comercio local “paga os seus impostos e reinviste no país”.
“É unha cuestión de puro sentido común defender un modelo que prime o pequeno comercio e fomentar o consumo de produtos de proximidade”, alegou.
O cabeza de lista pola Coruña explicou as principais propostas programáticas do Bloque en apoio deste sector económico, que inclúen incentivos á compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras.
Igualmente, o Bloque aposta por recuperar os mercados municipais, centros comerciais abertos e zonas comerciais, que inclúa tamén a rehabilitación e peonalización dos espazos públicos nos que se localicen. Outra das medidas citadas por Rivas é a implantación ou mellora de estabelecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos e de produción ecolóxica.
Denominacións de orixe
En contraposición, o candidato nacionalista pola Coruña foi moi crítico co TTIP que cualificou de “mortal” para os intereses do pequeno comercio galego, con medidas que cuestionan mesmo a autonomía alimentaria dos pobos.
“Non estou polo labor de que unha multinacional dos USA me diga que teño que comer o que eles producen e como eles o producen, non me sorprende que un dos obxectivos dese tratado sexa acabar coas denominacións de orixe. Estou moi orgullos dos nosos produtos e das denominacións de orixe que certifican a súa procedencia e calidade, e desde o goberno da Xunta imos traballar para que siga sendo así”, concluíu.