O BNG propón o impulso dunha “nova Lei Galega do Viño que sexa ambiciosa”
Noa Presas e Olalla Rodil, cabezas de lista de Ourense e Lugo, manteñen un encontro co sector vitivinícola da Ribeira Sacra
Presas sinala a necesidade dunha política rural que aposte polo sector do viño como piar fundamental para o desenvolvemento económico da zona
As cabezas de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e por Lugo, Olalla Rodil, mantiveron un encontro cos viticultores da Ribeira Sacra para escoitar as demandas do sector. As candidatas aproveitaron a videoconferencia para propoñer unha Lei Galega do Viño acorde ao desenvolvemento dunha política rural “que aposte polo sector do viño como un eixo estratéxico” e que aborde os problemas que arrastra.
As candidatas nacionalistas ao Parlamento contrastaron con adegueiros e viticultores da zona da Ribeira Sacra a situación pola que atravesa o sector, non só polo contexto da baixada de demanda pola COVID-19, senón pola aplicación de políticas arancelarias que encabezan os Estados Unidos.
Desde a organización nacionalista contrastaron cos produtores as apostas do BNG en relación coa viticultura que pasan por “ampliar a superficie de cultivo vitícola priorizando as zonas tradicionais e en terrazas” como recurso produtivo da Ribeira Sacra onde, ademais de reclamo turístico, o cultivo en socalcos e a mantemento deste legado confire valor engadido aos viños, e dinamiza a economía local.
Respecto diso, as candidatas nacionalistas expuxeron que “neste sector, no que ten que ver cos dereitos de plantación, Galiza está suxeita a decisións que se toman no ámbito estatal e europeo” e valoraron “a necesidade de contar cun goberno galego forte que defenda os intereses dos produtores e produtoras do país nas institucións españolas e europeas”.
Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, sinalou que é preciso desenvolver unha política rural que aposte polo sector vitivinícola como un eixo estratéxico para o desenvolvemento da Ribeira Sacra “aproveitando todas as posibilidades que se abren coa candidatura ao Patrimonio da Humanidade”.
“É hora de impulsar unha nova Lei Galega do Viño. Unha Lei que sexa ambiciosa e recolla medidas para a incorporación de novos produtores e produtoras e rematar cos problemas históricos que ten o abandono dos viñedos tradicionais” propuxo Presas, candidata por Ourense.
Relevo xeracional
Presas e Rodil coincidiron co sector en que “a administración deben establecer mecanismos para facilitar e incentivar o relevo xeracional nunha actividade que pode contribuír á fixación de poboación no rural e a un desenvolvemento sustentábel desde o punto de vista social, ambiental e económico”.
Segundo datos que ofrecía o Consello Regulador da DO Ribeira Sacra no 2019, dos case 2.600 viticultores da zona máis de 2.000 superaban os 65.
“Outro futuro é posible” e atraer xente nova tamén, conviñan á fin da xuntanza todos os participantes, sen negar que as axudas da administración non se poden vincular só a idades mozas, senón aos proxectos en si.
En liña co futuro do sector, sinalouse tamén a necesidade “prezos da uva dignos para os produtores”. Sobre a mesa, estivo tamén a comercialización do viño con especial atención á exportación e ás consecuencias das decisións políticas internacionais -como os aranceis formulados por Estados Unidos- na produción galega.
Fenda dixital
A formación nacionalista agradeceu “a participación de todas as persoas que interviron no encontro, con participación en vivo e achegando aportacións por escrito pola dificultade de conexión” que, apuntaron, “constata a fenda dixital por causa do territorio, que condiciona en moito o futuro desta zona”.