BNG propón impulsar medidas para paliar a grave situación económica das persoas pensionistas das comarcas de Ourense
Noa Presas indicou que a situación económica do colectivo repercute na súa saúde física e mental e alertou das consecuencias da soidade e o desamparo familiar
Pediu aumentar os recursos económicos para os pensionistas gravemente afectados pola subida de prezos e coas pensións máis baixas de media do Estado
A deputada do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta ao goberno sobre a realidade económica e social das persoas pensionista nas comarcas de Ourense ante “o aumento da pobreza” como reflicte o último informe de Cáritas.
Na súa intervención indicou que, as pensións “son as máis baixas da media do Estado” e a suba de prezos agrava a situación económica do colectivo. Neste sentido, reclamou “incrementar os recursos económicos e axudas para as persoas máis vulnerables”.
“Nas comarcas de Ourense existen máis de 106.000 pensionistas, persoas que teñen unha pensión de incapacidade permanente, xubilación, viuvedade, orfandade ou en favor de familiares”, e cos últimos datos, constatamos que “o 63% das e dos pensionistas de Ourense, cobran menos do salario mínimo interprofesional, cunha pensión media de 981,82 euros” e “7 de 10 pensionistas ourensáns cobran por debaixo do salario mínimo interprofesional”.
Esta situación, recalcou Presas, afecta a máis de 66.000 ourensáns e ourensás, que ven limitada a súa capacidade adquisitiva nun contexto de forte inflación no que produtos como os alimentos procesados sofren incrementos históricos.
As mulleres as máis prexudicadas na crise económica
A isto hai, dixo, hai que engadir “a fenda de xénero”, que fai que a situación sexa peor para as mulleres,
A insuficiente revalorización das pensións por parte do goberno central, que está a tomar medidas restritivas e insuficientes ao abeiro da condicionalidade dos fondos europeos, vese agravada pola falta de medidas do goberno galego, que” non incrementou adecuadamente as pensións non contributivas nin tomou medidas complementarias”.
Presas lembrou que o goberno galego subiu a contía do complemento das Pensións non contributivas no 2023 pero na súa opinión, esta medida continúa sendo “insuficiente”.
A deputada recalcou que a subida, tras 12 anos, quedou fixada “en 1,20 euros ” que finalmente quedou nun euro, “subida que non lle permite aos nosos pensionistas mercar un cartón de leite ao mes”, denunciou
O Goberno comparte co BNG a grave situación dos pensionistas
Pola súa parte, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado compartiu coa deputada nacionalista a diagnose sobre a situación real das persoas pensionista nas comarcas de Ourense e avanzou que o goberno traballa na Estratexia de Inclusión Social para minorizar as consecuencias da crise económica, ao que a nacionalista respondeu que “todas as medidas na senda de mellorar a situación son benvidas” pero hai que actuar con urxencia e “impulsar unha Estratexia de loita contra a pobreza das e dos pensionistas” que inclúa un estudo da situación do colectivo e poñer en marcha medidas transversais para “alimentación, bens de primeira necesidade a axudas para garantir a dignidade habitacional”.
Por outra banda, a deputada tamén reclamou Incrementar a contía do “Fondo extraordinario” para subir “100 euros mensuais as pensións non contributivas”.