O BNG propón unha homenaxe do parlamento á guerrilla antifranquista galega

Luís Bará
Luís Bará lembra que no mes de xaneiro de 2018 o Parlamento galego organizou unha homenaxe ás vítimas galegas do nazismo polo que propón que se   se organice un acto de reparación coas vítimas do franquismo 

O BNG rexistra unha iniciativa no Parlamento galego para promover  un acto coa participación das familias e  intervención dos dous últimos guerrilleiros vivos, Quico Martínez e Camilo de Dios. A proposta tamén inclúe o recoñecemento como combatentes antifascistas das persoas integrantes da guerrilla, así como o recoñecemento do papel das mulleres na loita armada antifranquista. 

O deputado do BNG, Luís Bará lembra que o Parlamento galego organizou en xaneiro de 2018 unha homenaxe ás vítimas galegas do nazismo. “Se ben desde o BNG compartimos a oportunidade e a necesidade desa homenaxe, chama a atención que se organice un acto de reparación das vítimas do nazismo e non se faga o mesmo coas vítimas do franquismo”. En opinión do parlamentario nacionalista, semella que “hai vítimas de primeira e vítimas de segunda, vítimas lembradas e vítimas esquecidas”.

Nunha democracia madura e avanzada, afirma Bará na proposta, o normal sería honrar e render homenaxe ás persoas que loitaron polos dereitos democráticos e polas liberdades. Persoas que defenderon os dereitos de Galiza e foron “perseguidas, asasinadas, encarceradas, espoliadas, torturadas, roubadas, excluidas, depuradas e desterradas polo fascismo”. Eles e elas  merecen o recoñecemento e a homenaxe das institucións galegas, comezando pola Xunta e o Parlamento de Galiza.

A pesar da represión, unha parte da sociedade galega plantoulle cara ao terror franquista. Enfrontouse á Ditadura con actos de resistencia pacífica e tamén mediante a loita armada. En Galiza organizouse a primeira guerrilla antifranquista do Estado: os primeiros actos de resistencia armada producíronse xa nos anos 1936-1939, no ano 1942 créase a Federación de Guerrillas de León e Galiza, e posteriormente, en 1944, fúndase o Exército Guerrilleiro de Galiza”. 

A guerrilla antifranquista galega foi obxecto de numerosos estudos e tamén de actos de recoñecemento, a maior parte, organizados por entidades sociais e moi poucas promovidas por institucións. Un dos actos de máis relevancia simbólica neste sentido, explica o deputado do BNG foi a recepción á guerrilleira Chelo Rodríguez por parte do vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, o 14 de abril de 2007.

Para o nacionalista, despois  de 44 anos do final da Ditadura ainda continúa pendente a homenaxe á guerrilla antifranquista por parte do Parlamento galego. “Cómpre o recoñecemento colectivo como combatentes antifascistas. Cómpre facer un recoñecemento específico ao protagonismo das mulleres galegas combatentes  da guerrilla. É necesario reparar tamén a afrenta que supón a cualificación como bandoleiros, delincuentes e terroristas como  figuran nos documentos oficiais do rexime franquista. 

PROPOSTA DE ACORDO

Na iniciativa rexistrada hoxe, o BNG propón que o Parlamento galego aprobe a  resolución para promover unha homenaxe institucional á guerrilla antifranquista galega coa organización dun  acto público ao que se convidará ás entidades da Memoria histórica galega e  familias das persoas homenaxeadas, e no que se fará un recoñecemento específico ás  mulleres que participaron na loita armada antigranquista e aos dous últimos guerrilleiros vivos, Quico Martínez e Camilo de Dios.