O BNG propón un funeral civil o próximo luns para as vítimas do accidente ferroviario

O portavoz nacional do BNG Xavier Vence remitiulle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia propoñéndolle a organización dun funeral civil para as vítimas do accidente ferroviario de Angrois. Nesta carta, remitida na mañá do sábado 27 de xullo, o portavoz nacional suxeriulle ao presidente da Xunta de Galicia que o acto civil se celebrase na Praza do Obradoiro unha hora antes do comezo do funeral relixioso que se vai oficiar na catedral de Santiago o próximo luns 29 de xullo.

Previamente, a través do seu portavoz no Parlamento de Galicia, o BNG expúxolle ao resto dos grupos a conveniencia de organizar un acto civil de homenaxe e honra ás vítimas que simbolice a dor e conmoción de todo o pobo galego e as súas institucións e que arroupe e traslade a solidariedade da cidadanía galega aos familiares e amizades de todas as vítimas.

Con independencia de futuros actos de homenaxe que se poidan celebrar e atendendo á diversidade de relixión e confesión das vítimas e familiares, así como ao carácter laico do noso estado, o portavoz nacional sinalou na mesma comunicación a necesidade de que a Xunta de Galicia organice un funeral civil no que poidan verse representadas todas as vítimas e no que poida participar toda a cidadanía, con independencia das súas crenzas relixiosas.

Co fin de garantir que este funeral civil se realice en tempo e forma e coa dignidade que requiren as circunstancias, o portavoz nacional suxeriulle ao presidente Núñez Feijóo que o acto se celebrase na Praza do Obradoiro, o próximo luns 29 de xullo, unha hora antes da celebración dos actos relixiosos na catedral de Santiago.