BNG propón un Fondo de rescate sufragado pola banca para axudar ás familias afectadas pola suba das hipotecas
Ana Pontón afirma que “falamos de subidas medias de 250€/mes que poden terminar de afogar ás rendas medias e baixas, mentres a banca obtén beneficios millonarios”
Apela ao éxito dos gobernos municipais do BNG co mellor “dream team” para seguir avanzando nun proxecto de país
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón propuxo crear un Fondo de rescate hipotecario sufragado pola banca para axudar ás familias afectadas pola subida de xuros.
Tras a reunión do Consello Nacional, a líder do BNG afirmou que estamos a falar de “subidas medias de 250 €/mes que poden terminar de afogar ás rendas medias e baixas, mentres “a banca obtén beneficios obscenos”.
Pontón avanzou que o BNG defenderá no vindeiro pleno da Cámara galega, unha iniciativa para crear un “Fondo de rescate hipotecario” porque en Galiza hai 175.450 familias hipotecadas, e a inmensa maioría verá como a súa hipoteca sube de media arredor de 250 euros ao mes, nada menos “que 3.000 euros máis ao ano”. Unha subida que soportan nun contexto de prezos disparados e nun País con salarios por debaixo da media.
Un Fondo hipotecario sufragado nun 75% pola banca para fixar un tope e xuros
“E mentres se espreme ás familias coas hipotecas como se fosen limóns”, a gran banca pechou 2022 con beneficios récord. O BBVA, Santander e Caixabank obtiveron e 19.170 millóns de euros. Só tres entidades, 19.170 millóns de euros, batendo todos as marcas. “Beneficios millonarios” cando aínda non devolveron os 90.000 millóns de euros de rescate. De novo, recalcou Pontón, “gaña a banca e perde a xente do común”.
Por outra parte, sinalou que o goberno central debería de actuar para evitar a suba das hipotecas porque “teñen as competencias e deben facelo”. Pero mentres non o fan, a Xunta tamén pode actuar. Por iso desde o BNG propoñemos que a Xunta cree un Fondo de rescate hipotecario destinado ás persoas con rendas medidas e baixas que estean pagando unha hipoteca. “Un fondo de rescate sufragado nun 75% pola banca que, na práctica, supón fixar un tope nos intereses”.
Estamos falando de axudar a persoas con ingresos inferiores ao salario medio estatal, -26.832 € brutos ao ano-, obrigadas a destinar máis do 30% dos seus ingresos a pagar a hipoteca. “O goberno galego debe negociar coa banca as achegas a ese fondo en función da súa cota de mercado en Galiza”, remarcou a líder do BNG
Hai que poñer ás persoas en primeiro lugar e por unha vez, “a banca debe devolver unha parte do que a sociedade galega aportou na crise bancaria, unha crise sobre a que non tiña ningunha responsabilidade”. Dende o BNG levamos esta proposta ao próximo pleno do Parlamento e esperamos contar co apoio do PP, que “non pode seguir arrastrando os pés nesta crise nin pasando dos problemas que lle quitan o sono a maioría deste país”.
O BNG conta co Dream Team da política municipal
O BNG celebrou o seu primeiro Consello Nacional nun ano cargado de retos e prioridades entre as que a portavoz nacional, Ana Pontón destacou: afrontar a escalada de prezos reclamando que non sexan os de sempre os que paguen os pratos desta crise e defendendo unha “saída xusta e galega”. Encarar o reto das eleccións municipais para estender o modelo do BNG a máis concellos e ofrecer un horizonte de esperanza aos galegos e galegas que teñen claro que “é necesario un cambio de rumbo á fronte do goberno galego”, que será recordado por ser o peor goberno da historia de Galiza.
Hoxe, dixo, tamén , aprobamos a estrutura e o modelo de campaña, debatemos as liñas centrais do noso modelo municipal e damos un paso adiante no traballo político das eleccións locais do 28 de maio. O BNG conta co “dream team” da política municipal cun proxecto “transformador e de vangarda” que mellora a vida das persoas, crea progreso e benestar e baseado no potencial que temos neste grande país.
Porque a política municipal do BNG, afirmou Pontón “é a política municipal de prestixio e de referencia en Galiza” que transforma os concellos, pon as persoas no centro e por iso recibe premios a nivel internacional.
Galiza precisa máis que nunca dun cambio de goberno
Na súa intervención, Ana Pontón asegurou que Galiza precisa dun goberno na Xunta que defenda o noso país porque hoxe temos todo o contrario: “unha Xunta de Galiza ao servizo das eléctricas, da grande banca e de estratexias electorais dependentes de Madrid, desleais con Galiza e coa sociedade galega. Unha Xunta que está facendo que Galiza quede atrás, só un dato, pechamos o último trimestre de 2022 cu crecemento negativo, a terceira peor comunidade do estado español”.
O PP sabe que está en tempo de desconto
A nacionalista dixo que cada voto ao BNG vai facer que estea máis cerca o cambio galego. Pódovos asegurar que isto tamén o sabe o PP, e por iso Feijóo fuxiu para Madrid, o PP esta moi nervioso e ataca ao BNG porque cada vez máis galegos e galegas miran para nós con esperanza para deixar “atrás a desfeita que nos deixa o PP”.
Unha desfeita, engadiu, na evolución de Galiza e no deterioro dos servizos públicos, sobre todo na sanidade publica.
O PP é un perigo para a saúde dos galegos e das galegas e imos deixarlle claro que non lles permitimos que xoguen coa saúde das persoas, nin que colapsasen o corazón do sistema sanitario: “a Atención primaria”.
Por iso o 12 de febreiro “imos encher o Obradoiro, en Compostela, para defender a sanidade pública galega, para dar unha resposta contundente ante 13 anos de recortes e privatizacións e dicirlles alto e claro, que coa saúde non se xoga”.
Unha desfeita que tamén atinxe ao enerxético. A eólica ten que ser unha oportunidade para Galiza, non para as eléctricas que gañan diñeiro a mans cheas. E imos dicilo claramente: “Galiza non vai ser unha colonia enerxética de ninguén”. Imos facerlle fronte porque queremos defender o futuro do noso medio rural. Imos defender a nosa capacidade produtiva, o noso medio natural e tamén que Galiza conte canto antes cunha “tarifa eléctrica galega, para abaratar a factura da luz ás familias e empresas galegas”. Queremos que o noso país se beneficie polo feito de ser un territorio produtor de enerxía. É unha demanda “lóxica, necesaria e beneficiosa” para a economía galega e para os fogares galegos. E que expliquen PP e PSOE porque están en contra de baixar a factura da luz , concluíu.