BNG propón estender as bonificacións no transporte público a toda a mocidade e non limitalas aos 21 anos como fai a Xunta

Paulo Ríos
Paulo Ríos reproba ao Executivo galego o reparto masivo do Carné Xove ao tempo que elimina un dos seus usos principais: o transporte público

“As necesidades e as dificultades da mocidade non rematan aos 21 anos; é máis, en moitos casos acrecéntanse”. Así resumiu o portavoz nacionalista de Mocidade, Paulo Ríos, nunha pregunta no Parlamento galego a necesidade de que a Xunta estenda as bonificacións para a xente nova contempladas na súa nova estratexia de transporte, máis alá dos 21 anos.

“Cunha situación insostíbel a nivel laboral, as maiores dificultades para acceder a unha vivenda en réxime de alugueiro e os gastos derivados dos estudos, a mocidade maior de 21 anos fica sen ningún tipo de axuda ou bonificación para poder utilizar o que debería ser o elemento vertebrador do noso país”, reprobou.

O deputado nacionalista lembrou que xusto no momento no que a Dirección Xeral de Xuventude anunciou o reparto masivo do Carné Xove, sen ningún pago e sen ter que ser renovado, “suprímese o uso máis xeneralizado que a mocidade galega lle dá a este documento” e engadiu que a maior empresa concesionaria de transporte no país deixa de aplicar unha bonificación nos traxectos para as mozas que presenten o Carné Xove.

Neste sentido, apuntou que a propia Dirección Xeral argumentara no seu día que esta decisión fora tomada unilateralmente pola propia empresa, xa que así llo permitía o prego de condicións para acceder á concesión dos distintos paquetes e das distintas liñas que agora opera e que non existía, de facto, ningún tipo de convenio que regule estas bonificacións.

“Reparto masivo do Carné Xove, eliminando un dos usos principais do mesmo; manda truco!”, exclamou Ríos, para a continuación considerar “insuficientes” as bonificacións destinadas para os e as mozas na nova estratexia de transporte do Goberno do PP, que recolle co uso da tarxeta Xente Nova a gratuidade de até 60 viaxes interurbanos ao mes e só para a mocidade con 21 anos ou menos.

Así, reiterou a aposta do BNG por facilitar o acceso ao transporte público aos sectores con máis dificultades e, segundo recalcou, a mocidade galega é un deses sectores dado que vive unha auténtica “situación de emerxencia, onde a precariedade, a temporalidade e a emigración son os principais termos que a define, máis logo deste ano de pandemia”. “Neste contexto non somos quen de entender como a Xunta elimina axudas e bonificacións destinadas á mocidade”, concluíu.