BNG propón “empoderar” Galiza cun novo marco político co obxectivo de mellorar a vida das persoas e blindar dereitos e liberdades
Abre unha axenda en 2 niveis: transferencia das competencias pendentes e activar o artigo 56 da reforma estatutaria para abrir o debate sobre un novo status de nación
Pontón: “Hai que construír unha Galiza empoderada para mellorar a vida das persoas, abrir un tempo novo cun proxecto modernizador do País”
Acto de conmemoración do Estatuto do 36 en véspera da súa aprobación
O BNG aproveitou o acto de conmemoración da data do referendo do Estatuto de autonomía de 1936 para presentar as súas propostas para avanzar en autogoberno e soberanía, na apertura dun tempo novo para “empoderar” Galiza ante os retos e desafíos actuais, que permita, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “facerlle fronte coas maiores garantías a esta grave crise económica, social, ambiental e democrática e encarar con fortaleza as grandes transformacións e avances que o País necesita poñer en marcha nos próximos anos”.
Con ese obxectivo, o BNG abre unha “axenda” para construír unha Galiza “en grande, e colocala na vangarda das nacións máis prósperas e xustas” para, en definitiva, conseguir un novo marco institucional cun obxectivo: mellorar vida da cidadanía e blindar os dereitos e as liberdades.
Para iso, a axenda que formula o Bloque, -a modo folla de ruta para dotar Galiza “dun verdadeiro autogoberno e non dun poder delegado e tutelado”-, desenvólvese en dous niveis complementarios. O primeiro e inmediato, completar todas as transferencias pendentes; o segundo, activar unha reforma estatutaria para ir a un novo marco político que recoñeza a Galiza como nación, “desde o sosego e a confianza no País”.
Tras trece anos de goberno do PP con cero competencias, a formación nacionalista propón “con carácter inmediato, negociar a transferencia de todas as competencias previstas no actual Estatuto, moitas das cales xa contan con acordos políticos como a AP 9, tráfico e seguridade viaria, policía galega, costas, salvamento marítimo ou inspección de traballo”, explicou Pontón na súa intervención ante a Facultade de Medicina, lugar referencial no proceso de aprobación do texto do 36.
En segundo lugar, avanzou a líder nacionalista, “activar o debate para dotar a Galiza dun novo status ou marco político que nos recoñeza como o que somos, unha nación, para que as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega e avanzar nunha sociedade máis democrática, plural, capaz de responder ás demandas da mocidade, do feminismo, da diversidade, da emerxencia ambiental, que aposte pola innovación, que garanta o dereito ao uso pleno da nosa lingua, o coidado das persoas maiores, que blinde os dereitos das mulleres, preserve os servizos públicos e a xeración e reparto xusto da riqueza”.
E para avanzar nesa dirección, o BNG vai rexistrar no Parlamento a proposta de activar o artigo 56 de reforma do estatuto, “cunha vontade clara de ir a un novo marco político para Galiza, como nación, que nos dea máis poder político e económico: mellorar a vida das persoas e blindar dereitos e liberdades”, explicou Pontón, convencida de que as solucións que precisa o País non poden vir con propostas de fai 40 anos, senón que se precisan “novas ferramentas” para darlle solucións e futuro á Galiza do século XXI.
“No BNG temos confianza nas nosa potencialidades e por iso non temos medo a máis autogoberno e máis poder político, en definitiva, máis soberanía, e por iso queremos que as decisión máis relevantes estean nas nosas mans como galegos e galegas”, salientou a líder nacionalista.
O acto de hoxe rende homenaxe a unha xeración política irrepetible, -conformada por nomes como Castelao ou Bóveda-, “que deron o mellor das súas vidas pola causa da dignidade, benestar e liberdade de Galiza”, subliñou, un legado do que o Bloque se sente herdeiro, fonte permanente de orgullo e de compromiso, “máis necesario que nunca para construír un futuro mellor”, en particular para as novas xeracións golpeadas pola incerteza e a precariedade que lastran as súas expectativas.
E todo nun contexto de escalada de prezos na que unha minoría e unha presa de multinacionais se lucran a costa de empobrecer á maioría social, o que fai imprescindible reforzar a protección dos sectores máis desfavorecidos a través de cambios estruturais, “non superficiais”, sendo conscientes de que as crises son “caldo de cultivo” para a involución democrática, a regresión de dereitos e liberdades, a concentración da riqueza e o centralismo que discrimina Galiza.
Ameazas todas que hai que evitar e para iso, “temos que construír unha Galiza empoderada, con máis poder político e económico para mellorar a vida das persoas”, recalcou Pontón, quen concluíu proclamando que o nacionalismo galego “está preparado para esta grande tarefa de construción e de transformación, para dar un grande salto adiante, con vontade de ser maioría, dirixir o futuro do País e coa man tendida a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”.