BNG propón elevar ata os 30 anos a gratuidade do transporte público por estrada a través da tarxeta Xente Nova
O BNG defendeu no Parlamento elevar ata os 30 anos a gratuidade do transporte público por estrada mediante a tarxeta Xente Nova, como unha das medidas para impulsar a mobilidade colectiva, tendo en conta ademais a actual crise de prezos.
Nunha pregunta parlamentaria, o portavoz nacionalista de Mobilidade, Paulo Ríos, destacou a necesidade dun transporte “útil” e “de calidade” nun contexto de retrasos e queixas pola “mala planificación” e os “parches” da Xunta na organización dos itinerarios e horarios das liñas de autobús que, segundo denunciou, sofren retrasos xa “estruturais” que exemplificou na ruta Coruña-Ferrol, cuxo funcionamento cualificou de “desastre”, e ante ante os que demandou unha explicación por parte do Goberno galego.
Ríos advertiu que hai liñas con ata 40 persoas ao día expulsadas do servizo por “falta de autobuses”, que se suma á “falta de medios materiais” que denuncian os traballadores e traballadoras, ademais, incluso, da imposibilidade de poñer denuncias debido á “non existencia” de follas para facelo.
Neste sentido, o deputado do BNG denunciou que o Goberno galego nega ao Parlamento a información das queixas, expedientes e sancións no transporte público e sinalou ás mobilizacións de centros escolares e ANPAS neste comezo de curso escolar como exemplo da contestación cidadá ao modelo “opaco” do PP.
Neste contexto, Ríos demandou solucións ante o modelo “de monopolio” da Xunta no que Monbus copa o 80% das liñas e que leva “á precarización do servizo e aos incumprimentos reiterados dos contratos”.
Así pois, demandou unha maior igualdade territorial nas bonificacións no transporte público por estrada, con territorios como a provincia de Lugo, que quedan fóra das rebaixas da Xunta. O deputado do BNG finalizou a súa intervención reclamando poñer “ás clases populares galegas” no centro da política de transporte público e non ás “empresas amigas” cuxa incumprimento de condicións vai en detrimento dos intereses das galegas e galegos.