BNG propón a Educación reducir a carga burocrática nos centros de ensino para mellorar a eficiencia na xestión educativa
Manuel Lourenzo insistiu en que, curso tras curso, o persoal docente denuncia o incremento dunha carga burocrática que afecta negativamente á dedicación educativa individualizada
Cualificou de “absurda e innecesaria” a sobrecarga burocrática nun contexto de recortes de docentes, incremento de horario lectivo e maior número de alumnas e alumnos
O portavoz de Educación do BNG, Manuel Lourenzo reclamou reducir a carga burocrática nos centro de ensino e mellorar a eficiencia na xestión educativa. Para o deputado resulta un “sen sentido” dedicar un gran número de horas a elaborar documentación e restarllo á dedicación individualizada que precisa o alumnado.
Na defensa da proposta, resaltou a disposición do profesorado a atender da maneira máis individualizada á formación e criticou sobrecargar a 30.000 docentes coa elaboración de documentos, actas e memorias na maior parte dos casos, “absurda e innecesaria”.
Tras a intervención do portavoz popular, Moisés Rodríguez que amosou a intención do Partido popular contra da iniciativa nacionalista argumentando que o incremento lectivo do persoal facilita a elaboración da documentación requirida pola Administración, , o nacionalista afeou a intervención do conservador e cualificouna de “exercicio de cinismo” por negar nun primeiro momento, un incremento do horario lectivo para a continuación afirmar o contrario e xustificar que grazas a esta media o persoal docente conta con suficiente tempo para desenvolver os labores burocráticos.
A situación que hoxe denunciamos, dixo, Manuel Lourenzo, “pon contra as cordas a toda a comunidade educativa” e todo indica que o Partido popular volve a amosar “o seu descoñecemento e frivolidade” ante un asunto altamente sensible. Un deputado, explicou o nacionalista, non pode afirmar que o desenvolvemento dunha norma “transferida” a Galiza, corresponde ao Estado pero ao PP todo lle vale para xustificar a desfeita que está a facer co ensino.
A carga burocrática do profesorado pode “ser alixeirada” como está ocorrendo noutras comunidades e non parece “sensato” repetir documentos, algúns con carácter xeral e outros de maneira individual para cada profesor, volveu a recalcar.
O parlamentario do BNG preguntou ao portavoz popular se realmente sabe como funciona un centro educativo porque pola súa intervención denota descoñecer “unha desfeita” que resulta un verdadeiro clamor e que xa ninguén pon en cuestión. A comunidade educativa xa enunciou as medidas necesarias para rematar coa carga burocrática pero o Partido popular prefire non escoitalas. A comunidade educativa reclama reducir o horario lectivo, reducir as ratios e unha xestión eficiente da documentación. Ningún profesor quere fuxir das súas funcións, “moi o contrario”, o que queremos e poder dedicar todo o noso tempo ao que de verdade importa, “á atención e formación do alumnado” como xa se está a facer en moitos países.
Ao seu xuízo estamos incorrendo nunha grande contradición porque por un lado presumimos da integración de alumnado con necesidades especiais nos centros ordinarios e por outro “deixámolos como mobles” porque temos que pasar moito tempo cubrindo expedientes e documentos e non podemos dedicarlle a atención que merecen. Esta realidade, dixo, “é gravísima” e dende o BNG seguiremos presentando iniciativas para cambiala e sobre todo contra a idea do Partido popular de que existen funcionarios e funcionarias que non queren traballar.
Manuel Lourenzo lembrou que hai aulas con 28 alumnos e alumnas que poden acoller alumnado afectado de TDAH, asperger, incorporación tardía, emigrantes, etc.. que precisan dunha atención individualizada pero no caso de priorizar a súa formación estou seguro, afirmou que nunha semana tes ao teléfono ou no centro a inspección educativa pedindo explicacións.
O deputado reclamou ao Partido popular escoitar as medidas propostas polo BNG sobre horario lectivo do profesorado, Rateos e xestión eficiente de documentos e programacións educativas.
Finalmente, lembrou que moito profesorado “viuse na obriga de formarse moitas veces fóra da oferta formativa da Consellaría” que ademais non cumpriu con todas as peticións de prazas recibidas para os cursos específicos de manexo da aplicación PROENS.