BNG propón declarar Día da Dignidade de Galiza o 1 de decembro, data da histórica manifestación de Nunca Máis
Rememora cun libro colectivo “a rebeldía e a dignidade dun pobo” contra a mentira e a incompetencia do Goberno do PP no Estado e na Xunta
Pontón: “O PP está a tempo de rectificar, desculparse e recoñecer a dignidade do pobo galego aínda que sexa con vinte anos de atraso”
O BNG volveu á Praza do Obradoiro coincidindo coa data simbólica do vinte aniversario da histórica manifestación que encheu Compostela en contra da catástrofe do Prestige, data que aproveita a formación nacionalista para lembrar e poñer en valor “a dignidade” mostrada polo pobo galego, que aquel día encheu de paraugas negros a capital de Galiza, ante ese desastre ambiental e para denunciar a discriminación e o desleixo do Goberno do Estado e da Xunta, daquela en mans do PP.
“Marcounos a nivel individual pero tamén colectivo porque marcou a historia deste País, e por iso o BNG quere que esta data sexa oficialmente recoñecida como o día da dignidade de Galiza, para recordar a todos os homes e a todas as mulleres que se levantaron para defender este País e plantarlle cara ás mentiras e á incompetencia dun Goberno central e dunha Xunta incapaces de dar respostas”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón.
“Queremos que esta data do 1 de decembro forme parte da nosa historia para facer ese recoñecemento e para reivindicar que somos un pobo rebelde, digno, que non se rende ante as dificultades senón que é capaz de enfrontalas con decisión”, recalcou a líder nacionalista, desde a propia Praza do Obradoiro, escenario no que o BNG presentou o libro Nunca Máis, vinte anos da maior resposta social do pobo galego.
Unha obra colectiva editada pola Fundación Galiza sempre, cuxo presidente Rubén Cela, definiu como libro coral que recolle artigos de persoas que tiveron unha implicación ante o desastre do Prestige, tanto do mundo da economía, das confrarías, do sector pesqueiro e marisqueiro, da xustiza, do voluntariado ou da cultura, como Rafa Vilar que asistiu á presentación do libro xunto coa portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.
Pontón puxo en valor os logros desa mobilización social, como aumentar a seguridade no litoral, destacando que tamén serviu para propiciar un cambio político. Pero fixo fincapé na necesidade de que o espírito de Nunca Máis siga vixente porque quedan moitas conquistas que lograr, como a transferencia en materia de seguridade e loita contra a contaminación mariña, -porque as decisións sobre a costa galega non poden tomarse a 600 quilómetros nun despacho de Madrid-.
O Prestige deixa como lección que o salvamento marítimo non pode ser obxecto de negocio e que, por tanto, debe ser un servizo 100% público e, igualmente, está pendente o tratamento de 10.000 toneladas de residuos da catrástrofe.
“É necesario recoñecer a dignidade e a mobilización do pobo galego é por iso agardamos que o PP non vete esta proposta porque o que debería facer, aínda que fose con dúas décadas de retraso, é recoñecer os seus erros e pedir desculpas ante á cidadanía, asumir que a súa prepotencia e incompetencia converteron un accidente na maior catástrofe ambiental vivida en Galiza. Están a tempo de rectificar e facer ese recoñecemento ao pobo galego”, concluíu Pontón.