BNG propón unha declaración institucional do Parlamento para reclamar ao Estado a sede permanente do IEO para Vigo
BNG trasladou na Xunta de Portavoces do Parlamento galego ao resto de grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional para reclamar ao Goberno estatal unha rectificación e que sitúe a sede permanente do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo, logo do anuncio do Ministerio de Ciencia e Innovación de designar a Santander e Mazarrón, en Murcia, como sedes definitivas do IEO de pesquerías e acuicultura, respectivamente.
Na proposta de declaración institucional impulsada polo Bloque para o Pleno parlamentario da próxima semana recórdase que o de Vigo “é o centro de maior tamaño de todos os do Estado e nel traballan arredor dun cento de persoas que teñen desenvolvido un gran esforzo investigador no ámbito pesqueiro e acuícola, convertendo a este centro no que ten unha maior traxectoria neste campo”.
De igual xeito, recálcase que o Centro Oceanográfico de Vigo, en sinerxía co da Coruña e cos centros oceanográficos de Portugal, traballa “man a man co sector pesqueiro e acuícola galego garantindo unha pesca sostible e situando ao sector do man como un sector estratéxico para a economía e o emprego en Galiza”.
Así mesmo, no texto proposto polo BNG recálcase que Vigo é un importante polo de investigación da pesca do que forman parte o propio IEO, xunto co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Bouzas, co futuro Campus do Mar e toda a investigación que se desenvolve nas distintas universidades e outras Administracións galegas, “unha circunstancia que fai aínda máis idóneo ao centro de Vigo para acoller a sede permanente de pesquerías e/ou acuicultura do Instituto Español de Oceanografía”.
“A reacción a esta decisión do Goberno do Estado está sendo unánime non só na cidade de Vigo, senón en toda Galiza; o rexeitamento a esta decisión por parte das distintas Administracións (Xunta de Galiza, Concello de Vigo, Porto de Vigo,...), así como de todo o sector do mar e de toda a sociedade galega fai necesaria esta declaración institucional coa que o Parlamento de Galicia quere instar ao Goberno do Estado a que rectifique a súa decisión sobre a adscrición da sede permanente de pesquerías e acuicultura do Instituto Español de Oceanografía e demandarlle que Vigo albergue esa sede pola importante labor científica que o Centro Oceanográfico de Vigo leva desenvolvido neses ámbitos ao longo dos anos”, remata o texto proposto polo Bloque.
Ademais desta proposta de declaración institucional, a deputada nacionalista Carmela González rexistrou unha batería de iniciativas incidindo, por unha banda, en que o Goberno estatal rectifique no inmediato e Vigo acolla a sede permanente do IEO e, por outra, reiterando a demanda da transferencia das competencias do Instituto a Galiza, acordada por unanimidade xa en tres ocasións no Parlamento galego.