O BNG propón un debate plural a dobre volta na TVG entre candidat@s das forzas políticas representativas en Galiza
Insta á dirección da televisión pública a organizar estes debates coas forzas políticas representativas en horario de máxima audiencia
“Agardamos que Feixóo non se acovarde”, salienta o secretario de Comunicación, Xavier Campos
O BNG considera que os debates políticos en campaña electoral non son unha prerrogativa dos partidos senón un dereito da cidadanía que deben respectar as forzas que concorren ás urnas, facilitando ao electorado o contraste de propostas, ideas e valoracións nos medios de comunicación, moi especialmente nos medios públicos.
Neste sentido, a formación que lidera Ana Pontón vai solicitar á dirección da CRTVG que organice un debate plural a dobre volta entre as forzas políticas máis representativas no ámbito de Galiza, nun horario de máxima audiencia, para permitir que os galegos e as galegas teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril.
“Esperamos que Feixóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata, Ana Pontón, que non teña medo a contrastar propostas, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos e as galegas. Esperamos que estea disposto a saír da súa zona de confort do telexornal a maior gloria da súa figura, que estea disposto a saírse do marco da publicidade e da propaganda para participar en un debate plural no que haxa un contraste real de alternativas. No BNG estamos dispostos a ese contraste, porque é un dereito dos galegos e das galegas, porque temos proxecto e temo unha líder para defendelo en Ana Pontón”, salientou o secretario de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos.
O Bloque salienta o interese que levanta este tipo de debates entre a cidadanía, marcando audiencias elevadísimas, comparables as que suscitan grandes eventos informativos.