O BNG propón que a cultura sexa declarada ben de primeira necesidade para protexer e impulsar o sector
Mercedes Queixas leva unha batería de iniciativas ao Parlamento nas que tamén demanda o IVE do 4% e unha Lei de Dereitos Culturais
Advirte dunha caída da facturación do 75% no sector a raíz da crise COVID19
O BNG acaba de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar que se declare a cultura como ben de primeira necesidade e instar á Xunta a desenvolver un paquete de políticas públicas específicas de apoio aos sectores culturais profesionais e aos creadores e creadoras durante a duración da pandemia COVID19.
De igual xeito, o Bloque demanda a redución do IVE cultural do 10 ao 4% e o impulso dunha Lei de Dereitos Culturais consensuada cos axentes do sector, que dea cobertura aos dereitos da cidadanía.
Segundo argumenta a portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, a actual situación epidemiolóxica xa provocou a inactividade do 53,8% das empresas culturais, cunha redución de máis do 75% da facturación en preto do 40% do tecido, segundo o primeiro barómetro da cultura presentado en xullo polo Consello da Cultura Galega (CCG) e no que se ofrece unha radiografía pormenorizada do impacto da crise no sector dende a irrupción do coronavirus.
De feito, as estimacións para o tempo posterior á realización desta investigación tampouco son moito mellores, con previsións dun descenso de máis do 50% na facturación anual no 35% das empresas e co vaticinio de graves dificultades aos que se enfrontar, como a caída da actividade dos clientes, os problemas de tesouraría ou os apuros para abonar impostos e seguros sociais.
Para o BNG, e á vista da evolución dos datos, os efectos da pandemia sobre a cultura “poden ser letais” e para enfrontalos non só urxen medidas integrais, senón tamén un cambio de modelo. Neste sentido, considera urxente poñer en valor todo o potencial creativo galego proxectando un discurso cultural propio que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, actúe como elemento de dinamización e vertebración e que participe plenamente das redes e dos circuítos culturais internacionais.
Un enfoque que require de medidas concretas e unha dotación orzamentaria axeitada, moi afastada das políticas desenvolvidas ata o de agora e sobre as que o CCG xa advertía en 2018 na súa Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. Informe este último no que se consideraba prioritario un incremento nos orzamentos galegos destinados á cultura de ata o 1% do gasto público consolidado nos seguintes catro anos e que, por contra, constataban “recortes demasiado agresivos para un ámbito social que é de protección preferente” e “unha pequena recuperación do gasto nos últimos anos que semella aínda moi insuficiente”.
“É urxente poñer en valor todo o potencial creativo do país e a crise provocada pola COVID19 tivo un efecto demoledor no sector, que mesmo está loitando pola supervivencia, que xa partía dunha situación de enorme febleza e precariedade de aí esta proposta para que a cultura sexa declarado ben de primeira necesidade”, explica Queixas.