O BNG propón crear un órgano público para cumprir a lei de igualdade, a “Valedora da igualdade”
Noa Presas reclama sancionar as empresas que vulneren a equidade salarial e os dereitos en materia de igualdade
A discriminación salarial provoca que unha muller cobre 4.513 euros menos que un home.
A deputada do BNG, Noa Presas reclamou crear un organismo público para vixiar o cumprimento da lei de Igualdade como ferramenta “Valedora da Igualdade”.
Na defensa da proposición non de lei nacionalista sobre as demandas en materia de igualdade e equidade salarial, Presas lembrou que o pasado domingo, día 4 de marzo, milleiros de mulleres, e tamén de homes comprometidos coa igualdade, na manifestación en Vigo deron unha mensaxe a Galiza e ao mundo: “O Parlamento galego non está a altura”.
Neste sentido, lamentou que o debate acumulara catro iniciativas que defendían propostas tan diferentes. Ás portas dun 8 de marzo “histórico”, estamos dando pasos de xigante na visibilización dos nosos problemas. Unha visibilidade que produce “moita incomodidade” e mesmo hai a quen lle está resultando difícil non quitar a carauta da súa inacción nesta ámbito.
“Urxe deseñar unha folla de ruta para avanzar na superación das desigualdades nun contexto onde a consolidación da precariedade introduce novas dificultades” recalcou a deputada.
PROPOSTAS DO BNG PARA IGUALDADE
Nesta liña, reclamou instar ao goberno galego a demandar do Estado “responsabilidade” e compromiso firme para incluír sancións económicas no marco legal, “nun prazo de tres meses” e non seguir o exemplo de Mariano Raxoi máis partidario de “no meterse en eso” cando lle preguntan sobre diferencia salarial entre homes e mulleres.
Francia, Italia, Noruega ou Bélxica, explicou, xa aplican sancións económicas e Islandia deu un salto cualitativo blindando por lei o combate á fenda salarial.
Todo o contrario, afirmou, do que nos ofrece o PP no Estado e para mostra, un botón, “só o 0,1% das multas por inspeccións laborais no 2017 en todo o Estado foron por desigualdade, só 135 sancións” pero a mesma desidia vémola na Xunta, a pesar de que o “noso país é pioneiro en materia lexislativa pero nin a Xunta a cumpre”.
“Propoñemos a creación dun organismo público que promova e vixíe o cumprimento da lexislación en materia de igualdade, unha ferramenta Valedora da Igualdade que traballe transversalmente pola eliminación das discriminacións”, reiterou.
FENDA SALARIAL
Por outra banda, lembrou que a fenda salarial do 28% provoca a fenda nas pensións, que chega ao 35% e tamén a discriminación salarial pola que unha muller “cobra 4.513 euros menos ao ano que un home”.
Galiza ten que escribir a súa propia folla de ruta, pero para facelo debemos mirar outras experiencias do mundo que poden axudarnos a dar coas ferramentas axeitadas como o modelo sueco, referencia internacional, con disposicións que centran os esforzos nos axentes sociais (empresariado e sindicatos) para acadar a igualdade.
Pero tamén temos un exemplo máis cerca en Euskadi cunha “Defensoría para a Igualdade de Mulleres e Homes de Euskadi a través do Instituto Vasco da Muller”. É un órgano gratuíto de defensa para a cidadanía ante situacións de discriminación directa ou indirecta por razón de sexo no sector privado.
Para esta e outras cuestións propoñemos que a Xunta cree, “no prazo de tres meses, un organismo público para a defensa contra situacións de discriminación laboral e para a promoción e vixilancia do cumprimento da lexislación, asesorando dos dereitos ás mulleres no ámbito do traballo e para chegar onde a inspección non chega. Ademais de buscar consensos, formación e boas prácticas no ámbito laboral.
PURITANISMO DO PP
Na replica, a deputada do BNG, Noa Presas criticou o “puritanismo do Partido popular”, escandalizado porque o BNG utilice na súa campaña a expresión “até a cona” para denunciar o fartazgo das mulleres contra a discriminación salarial e loitar contra esa discriminación.