O BNG propón crear un Instituto Galego de Crédito e o PP rexeita a proposta por "Soberanista"
A deputada do BNG, Carme Adán denuncia que na actualidade, o IGAPE non satisface as necesidades das empresas galegas nun momento de grave crise económica
Santiago de Compostela, 5 de xuño, 2013. A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán defendeu, a través dunha Proposición non de lei, en comisión, transformar o actual IGAPE nun Instituto Galego de Crédito con carácter público, dentro do marco competencial galego e destinado a converterse no motor da actividade económica de Galiza.
O PP anunciou o voto en contra da iniciativa do BNG por soberanista e inecesaria ante a eficacia do IGAPE
A nacionalista explicou que na actualidade, a grande dificultade das familias, pequenas e medianas empresas e sector comercial, sitúase no acceso ao financiamento, realidade, que ao seu xuízo, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), non está a resolver co a eficacia adecuada.
A deputada lembrou que na pasada lexislatura este organismo foi atravesado por múltiples escándalos e ineficacia á hora de xerar crédito na economía galega.
En Galiza seguen pechando empresas sistémicas por falta de crédito
Adán indicou que unha mostra desta situación ten nome propio como o de Caramelo ou Pescanova polo que considerou que tras a desaparición das caixas galegas e a inminente venda de Caixagalicia Banco é necesario dotar a Galiza dun instrumento financeiro público propio.
Para a deputada, a grave crise económica obriga a Galiza a contar cun instrumento financeiro que facilite o fluxo de crédito que impida seguir camiñando ao borde do abismo.
A parlamentaria salientou que o Goberno alemán baralla a concesión dunha axuda á pequena e mediana empresa no Estado español por un importe de mil millóns de euros canalizado a través do ICO, dende o BNG, dixo, cremos que se Galiza contara cun Instituto financeiro propio podería vencellar esta liña de axudas que con toda probabilidade, será materializada nos vindeiros días.
Competencias do novo Instituto Galego de Crédito
Adán manifestou que o novo Instituto Galego de Crédito, estaría dentro do marco competencial galego, con carácter público e con obxectivos destinados á promoción económica, en concreto, naqueles ámbitos de especial transcendencia social, cultural ou innovadora que merezan unha atención prioritaria e cunha configuración financeira capaz de asumir a participación e concesión de créditos a maior escala que o actual IGAPE.
O novo Instituto de Crédito proposto polo BNG tamén incluiría a súa participación no accionariado de sociedades de fondo capital risco, desafiuzamentos, segundo aval, etc... adecuándose á mediación do financiamento directo e con servizos de tesoreiría e xestión financeira do endebedamento da Comunidade Autónoma.
O PP rexeita a proposta nacionalista por soberanista e destaca a "eficacia" do IGAPE, a pesar dos escándalos
O portavoz do grupo parlamentario do Partido popular, Miguel Tellado anunciou o voto en contra dos conservadores á proposta do BNG por soberanista e innecesaria ante a eficacia demostrada polo IGAPE.
Adán respondeu que o Goberno galego non pode permanecer de brazos cruzados ante o que está acontecendo e lamentou a negativa do PP a abrir un debate sobre a situación financeira galega e a ausencia de medios propios para facer fronte á crise económica.
A deputada concluíu a súa intervención asegurando que este é o momento de ser audaces e presentar alternativas para dinamizar a economía galega e volveu reclamar un debate sosegado en defensa dun sistema financeiro propio e público.