A fábrica de baterías que propón o BNG para área de Vigo non será posíbel polo veto do PP e abstención do PSOE
Carmela González defende no Parlamento unha batería de propostas para que a automoción galega non quede fóra da produción do vehículo do futuro
A deptuada nacionalista advirte que mentres a Xunta segue coa súa propaganda, Portugal xa confirmou unha planta de compoñentes propia e países como Alemaña, Italia ou Holanda investimentos millonarios para fabricar microchips
O BNG defendeu no Parlamento galego unha batería de propostas, para que a Xunta desenvolva de xeito coordinado co Goberno central, en apoio do sector galego da automoción, co obxectivo de blindalo fronte á transformación sectorial cara á produción do denominado ‘coche do futuro’ e fronte á denominada ‘crise dos microchips’. Entre as propostas nacionalistas, a deputada Carmela González avogou pola creación dunha fábrica de baterías eléctricas na área viguesa e pola posta en marcha dun plan para a atracción de plantas de fabricación de novos compoñentes dos coches eléctricos para a súa instalación en Galiza.
Nunha proposición non de lei, defendeu de igual xeito a constitución da Mesa Galega da Automoción (da que participen Xunta, clúster do sector, centrais sindicais e universidades) e impulsar un Plan Galego pola Automoción, que promova a instalación no País de novos actores e actividades industriais relacionados co sector, que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante e que garanta a produción en Galiza daqueles compoñentes críticos de máis valor engadido, para o que considerou imprescindible que o Goberno galego desenvolva unha política industrial que o faga posible.
Neste sentido, recordou que, fronte aos anuncios propagandísticos da Xunta, “únicos pasos dados ata o de agora”, segundo recalcou, Portugal xa confirmou a instalación de plantas de compoñentes no seu territorio e países como Alemaña, Italia ou Holanda xa anunciaron investimentos millonarios para garantir a competitividade e capacidade produtiva dos seus sectores, conscientes de que a UE xa marcou como obxectivo para 2030 alcanzar, cando menos, o 20% da produción mundial de semicondutores, centralizada, logo de décadas de deslocalización, en China e Taiwan, países dos que a industria automobilística depende entre un 60 e un 70% para a produción de chips.
“Galiza ten que apuntarse a estes plans de recuperación e agora é o momento de prepararnos para o futuro, de apostar polo futuro do sector do automóbil no noso país”, incidiu, para lembrar a continuación, que a crise de aprovisionamento de microchips e outros compoñentes está provocando continuas suspensións na actividade da industria matriz, Stellantis Vigo, paralización da súa actividade que xa se está trasladando ao conxunto do sector.
Así, advertiu que neste ano 2021, a automoción galega “mandou para a casa” por estas suspensións da produción, a máis de 20.000 persoas afectadas polos ERTE das máis de 28.000 que traballan no sector e, entre as empresas máis afectadas, apuntou ás que traballan en síncrono coa planta de montaxe, como Faurecia Asientos, Faurecia Escape, Plastic Omnium, Lear Asientos ou SMRC Automotive que, segundo alertou, tiveron que parar por completo a súa actividade, mentres outras a manteñen baixo mínimos ou cos cadros de persoal reducidos.
Así mesmo, ás medidas sinaladas, González sumou a necesidade tamén de abaratar os custes de produción implementando unha tarifa eléctrica industrial galega competitiva, que reverta no sector industrial do país os beneficios de sermos produtores de electricidade, tal e como acontece noutros países da nosa contorna. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do grupo parlamentario do PP e a abstención do PSdeG.