BNG propón a creación dun gran polo de investigación agrario e forestal, ante o desmantelamento do CIF de Lourizán
Trátase dunha rede pública de centros que aspira a converterse no buque insignia para aproveitar o potencial do sector agrario e forestal galego.
O deputado de Medio Ambiente, Luís Bará, propuxo no Parlamento a creación en Pontevedra dun gran polo de investigación en materia agraria e forestal, entendido tanto desde a perspectiva económica e produtiva como da ecosistémica e ecolóxica, e que “ten que ser o buque insignia para aproveitar todo o potencial do sector agrario e forestal galego”. Trataríase dunha rede pública de centros, a través da fórmula dun consorcio ou dun sistema de coordinación institucional, no que se unirían tres ou catro centros situados a unha distancia duns cinco quilómetros.
En concreto, Bará referiuse á Misión Biolóxica de Galiza, que depende do CSIC -e polo tanto do Estado- da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, un organismo da Deputación, ao CIF de Lourizán, da Xunta de Galiza, e a Escola de Forestais, da Universidade de Vigo.
Bará asegura que, desta maneira, uníndoo ao pazo de Lourizán, que ten que ser “o escaparate deste gran polo de investigación e non un centro para actividades hostaleiras ou turísticas” como pretende facer o Goberno do PP. “Converteríamolo no buque insignia da investigación e da divulgación nunha materia que é estratéxica para Galiza”, e considerou fundamental que “o control deste conglomerado sexa público”.
O deputado pontevedrés fixo esta proposta na comisión 7ª, onde lle preguntou ao PP polo actual estado de abandono do pazo de Lourizán. Denunciou “a precariedade na que se encontran varios investigadores e investigadoras que están contratados por entidades privadas. Advertiu ademais da “marcha de persoal clave por falta de expectativas laborais” así como da “escaseza de persoal de laboratorio ou do viveiro e da falta de mantemento do espazo”.
“A santísima trindade pasteira, a man que mece o berce da política forestal galega”
O deputado nacionalista asegurou que o único interese do Executivo de Rueda é “poñer o Centro de Investigacións Forestais e o Pazo de Lourizán nas mans de grandes empresas do sector forestal, unha operación -sentencia- capitaneada por Ence e dirixida persoalmente polo presidente da Xunta, que xa intentou no seu día a cesión do pazo á empresa pasteira e agora pretende facelo pola porta de atrás, con nocturnidade e aleivosía”.
Bará advertiu que estes movementos “parecen improvisacións pero o que nos preocupa é que nada é casual, o que queren -dixo- “é desvirtualo e convertelo nun centro orientado á industria e controlado por a esa especie de santísima trindade pasteira” en referencia a Altri, Ence e a portuguesa Navigator, “a man que mece o berce na política forestal galega” e cuxas decisións “están interferindo no futuro deste centro, e fano ademais -acusou- a través das portas xiratorias, porque estas empresas xa se preocuparon de escoller a “pezas claves que lles arranxan cousas nos despachos oficiais”.
Puxo como exemplo a Ence, que fichou para o seu consello de administración á ex ministra de Medio Ambiente do goberno do Partido Popular e ao exconselleiro de Medio Ambiente da Xunta do PP”. Tampouco lle parece “casual que Altri establecese un acordo con Greenalia, onde está unha ex conselleira de Medio e un ex conselleiro de Industria da Xunta de Galiza”, ou que a pasteira portuguesa Navigator, “a outra peza da Santísima Trinidade”, contratase a quen fora director xeral de Conservación da Natureza entre 2009 e 2013 “cando se paralizou a ampliación da Rede Natura”.
Bará ten claro que “o que hai é unha operación de gran calado no que ten un papel fundamental o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que é quen “realmente toma as decisións cos seus contactos”, e o que se pretende aquí -asegurou- é facilitar o desembarco de Ence no pazo e na finca de Lourizán”, algo que “xa se intentara no seu momento co Pacto Ambiental con Ence” Daquela “non o conseguiron” porque dependía da Deputación de Pontevedra pero “agora que depende da Xunta queren levalo a cabo”, algo que o BNG quere denunciar porque “nos parece absolutamente escandaloso”.
Bará asegura que a solución non pasa pola “integración reducionista” do CIF en XERA, senón por dotar o centro de Lourizán de “máis persoal e potenciar liñas de investigación estratéxicas, ter ambición e apostar de verdade polo interese xeral. “Traemos propostas e alternativas ao Parlamento porque temos vocación de gobernar estes País”, rematou.