BNG propón a creación dun Centro da UNED en Santiago de Compostela
A formación nacionalista reclama ao Goberno do Estado que atenda as demandas formativas existentes na actualidade e dote a capital galega deste servizo do que carece
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado cree un Centro da UNED en Santiago de Compostela, para completar a oferta educativa da capital galega. A formación nacionalista entende que é un servizo educativo necesario pois existe unha grande demanda na cidadanía compostelá e tamén na de todos os concellos da súa área de influencia que a día de hoxe deben desprazarse até outras vilas e cidades para poder acceder á formación universitaria a distancia.
O servizo que presta a UNED a milleiros de persoas que, por diferentes circunstancias non poden cursar unha carreira, postgrao ou mestrado de maneira presencial, é de gran utilidade e importancia para posibilitar a formación universitaria. A día de hoxe, esta universidade conta con máis de 250.000 persoas estudantes repartidas entre os 27 graos, 65 mestrados universitarios e 18 programas de doutoramento que ofrece a institución, así como máis de 600 cursos de formación permanente.
“A demanda de estudos a distancia aumentou de maneira exponencial nos últimos tempos, debido en grande medida, ao incremento das cifras de persoas desempregadas, á necesidade renovar ou completar a formación para atopar un novo posto de traballo, situación que se agravou pola pandemia da COVID-19, por iso é necesario localizar un novo Centro da UNED en Compostela” propón o deputado nacionalista. A formación nacionalista propón que se asente na capital galega tamén pola súa importancia universitaria, económica-administrativa e o seu peso poboacional, sen esquecer que se trata da capital da Galiza. “Precísase dotar á capital galega dun servizo do que carece na actualidade e atender a crecente demanda existente” subliña Rego.
Na actualidade, na Galiza existen centros da UNED na Coruña, que conta tamén cunha aula en Ferrol; en Pontevedra, con aulas en Lalín, Vigo e Tui; en Lugo, con aulas en Foz Viveiro e Monforte de Lemos; e, por último, o de Ourense tamén posúe unha aula na Rúa de Valdeorras. Porén, non é entendíbel que non exista un centro ou aula en Santiago de Compostela, que permita o acceso próximo a titorías, material e realización de exames, obrigando ao alumnado a desprazarse moitos quilómetros, co conseguinte custo económico engadido.
“Esta distribución ten, no caso do Centro Asociado da Coruña, unha ausencia flagrante e non entendíbel posto que unha cidade coa importancia universitaria de Santiago carece, a día de hoxe, dun Centro Asociado ou unha Aula da UNED” conclúe Rego.