BNG propón contratos homologados que fixen prezos mínimos ós e as gandeiros para evitar a venda a perdas

Explotación Rábade
Explotación Rábade
Pontón insta á Xunta a asumir o control e a supervisión da normativa para  reducir a carga burocrática que soportan as explotacións agrogandeiras

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Rábade as propostas do BNG para atender as reclamacións do sector agrogandeiro que se está a mobilizar estes días e que focalizou en dúas cuestións fundamentais: a consecución duns prezos xustos para as e os produtores e a redución da carga burocrática que soporta o sector.

Para dar resposta á primeira cuestión, o Bloque propón contratos homologados que establezan prezos mínimos para impedir deste xeito que, en ningún caso, os produtores e produtoras se vexan na obriga de vender a perdas. “Sabemos que hai unha Lei de Cadea Alimentaria que di que non se pode vender a perdas, pero a Xunta non ten dado ningún paso significativo para garantir que esa medida se faga efectiva”, denunciou.

Por iso, defendeu o relanzamento do Observatorio Galego de Prezos como instrumento para establecer e garantir eses prezos mínimos en base ao estudo obxectivo de cales son os custes de produción que non se poden rebaixar.

Medidas, en definitiva, que se poden levar adiante dende a Xunta e para as que “o único que se necesita é vontade política”, nun contexto ademais no que o prezo dos alimentos está disparado sen que os beneficios repercutan nas produtoras e nos produtores, explicou tras visitar unha explotación en extensivo en Begonte e manter un encontro en Rábade con gandeiras e gandeiros e distintas organizacións agrarias coas que abordou de primeira man as súas reivindicacións.

Pontón tamén se referiu ás “trabas burocráticas” que padece o sector, a segunda cuestión sobre a que centrou as propostas do BNG. Neste sentido, reclamou ao Goberno do PP que “deixe de botar balóns fóra” e asuma as súas responsabilidades dado que “unha parte moi importante dos problemas de burocracia veñen directamente relacionados con decisións que toma a Xunta ou coa súa falta de alternativa” á hora de achegar solucións.

A líder nacionalista instou ao Executivo de Alfonso Rueda a asumir “dende o ámbito público o control e a supervisión da normativa”, en vez de responsabilizar aos propios gandeiros e gandeiras, así como a establecer medidas de coordinación  e unificación das normas entre as diferentes consellerías que permita eliminar carga burocrática.

“Con que se homologuen cales son os materiais que se poden utilizar na construción de instalacións agrogandeiras, xa eliminaría moitísimas trabas que teñen que superar os nosos agricultores e agricultoras, os nosos gandeiros e gandeiras”, exemplificou.

Pontón advertiu que os produtores e produtoras que fan un traballo duro e extraordinario, tanto para dotarnos de alimentos de calidade como para manter vivo o rural galego, non sempre reciben a compensación nin o apoio que merecen por parte da Administración.

Neste contexto, advertiu que ao longo das últimas décadas a Política Agraria Común e o xeito en que se aplicou no conxunto do Estado español fóronlle poñendo paus nas rodas ao desenvolvemento do sector agrario galego, “pero a responsabilidade non é só de Bruxelas, senón como estas políticas se aplican tanto por parte da Xunta como por parte do Goberno central”, criticou. 

Ante a falta de respostas dun Goberno do PP que bota balóns fóra ou busca culpables na vez de aportar solucións, Pontón defendeu as medidas concretas que si ten o Bloque para impulsar o sector e atender as súas reivindicacións.

Do rural á mesa

Nesta liña, e xunto ás relativas aos prezos e á redución da burocracia, tamén defendeu a ampliación da superficie agraria útil, dado que hai moitas explotacións cunha base territorial moi pequena que dispara os seus custes de produción. “Imos reclamar que se impulse o Banco de Terras orientado a darlle unha maior superficie agraria ás nosas explotacións que permita reducir os seus custes de produción e que non vexamos tanta terra abandonada no noso País”, avanzou.

Por último, o BNG tamén propón unha aposta decidida polo consumo de produto local e “a compra pública ten que ser unha ferramenta moi potente”, explicou Pontón para defender a posta en marcha do programa  Do rural á mesa, destinado á compra pública de produto galego fresco e de proximidade para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, residencias de maiores ou nos comedores colectivos da propia Administración. Unha iniciativa que contribuiría a repercutir rendas dignas a produtores e produtoras, pero tamén mellorar a alimentación e reducir o impacto medioambiental da produción de alimentos.

“Necesitamos un goberno que escoite o que está demandando o sector e, sobre todo, un goberno que non bote balóns fóra e se poña á fronte con medidas para manter un medio rural vivo e con moito máis futuro”, concluíu a líder nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG