O BNG propón un concerto económico fronte o modelo de financiamento inxusto con Galiza
- A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón cualificou o actual modelo de financiamento de “mal negocio para o noso país” e afirmou que o modelo asinado por Feijóo, “fíxonos perder 9.000 M€”
A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón presentou hoxe ante os medios de comunicación a proposta de Concerto económico para Galiza fronte o actual modelo de financiamento do que dixo, “é un mal negocio para para o noso país”.
A parlamentaria explicou que segundo a última liquidación tributaria dispoñible do ano 2014, o Estado recadou na Galiza 11.125 M€ e a través do sistema de financiamento, só recibimos 7.000 M€. “o Estado fixo caixa cun superávit de 4.000M€”. O sistema de financiamento “asinado por Feijóo” fixo que Galiza perdera 9.000 M€.
Dende o BNG denunciamos a rebaixa de recursos e sobre todo nun momento de crise no que o Estado incrementou “a presión fiscal a todos e todas as galegas,” e esa presión fiscal, afirmou a portavoz do BNG, non foi utilizada para mellorar a educación, a sanidade, a dependencia ou políticas para a creación de emprego, “foron cartos destinados a salvar á banca”.
O actual sistema de financiamento, recalcou Pontón, mantén o centralismo. O Estado decide que impostos hai, quen recada e como os distribúe pero non o fai “dunha maneira xusta e solidaria”. Cada galego e galega, engadiu Ana Pontón, deberá pagar “50 € par rescatar as radiais madrileñas mentres por outro lado din que non hai cartos para rescatar aos galegos e galegas das abusivas peaxes das autoestradas”.
Proposta de Concerto económico do BNG para Galiza
A portavoz parlamentaria apostou por un modelo que “nos autorresponsabilice e nos dea capacidade plena para usar os nosos recursos”, e iso, dixo, podemos acadalo cun modelo similar ao de Euskadi e Navarra. Nesta liña apuntou que un modelo de Concerto económico permitiría a Galiza crear emprego e blindar os servizos públicos. O modelo que traeremos á Cámara para o seu debate asentase nos principios de: Un sistema de financiamento propio adaptado a nosa realidade, porque “non vale o café para todos”, queremos unha axencia tributaria que estableza lazos de cooperación con outras administracións locais, a transferencia de recursos ao Estado polos servizos prestados a Galiza e un financiamento local que tamén dependa de nós e non do Estado como ocorre na actualidade.
Cupo galego co Estado
O modelo de concerto económico do BNG para Galiza inclúe “un cupo” co Estado para establecer a relación a inversa, “seríamos os galegos e galegas os que decidiríamos a cantidade a pagar ao Estado polos servizos prestados e teríamos as mans libres para que non se apliquen recortes nos servizos públicos como aconteceu estes anos”.
Esta proposta de financiamento esta destinada a desenvolver todo o potencial que temos pero necesitamos ferramentas como estas para axudar a impulsar toda esa capacidade, concluíu a portavoz doBNG.