Senado

BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica

Carme da Silva
O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica unha representación que lle corresponde ao formación nacionalista en función do resultado das eleccións galegas de 2020

O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica unha representación que lle corresponde ao formación nacionalista en función do resultado das eleccións galegas de 2020, nas que o Bloque se converteu na segunda forza con 19 escanos no Parlamento.

Carme da Silva ten unha dilatada experiencia política e tamén parlamentaria: foi deputada entre 2005-2009 e tamén exerceu como  deputada en 2012 durante a VIII Lexislatura, concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é responsable da Concellería de Planificación Territorial e foi a cabeza de candidatura ao Congreso por esta provincia.

Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio, nas que o BNG incrementou a súa representación en 132 concelleiros e concelleiras e pasou a liderar o goberno en 39 concellos.

Con Carme da Silva como senadora o BNG completa a súa representación en Madrid, despois de obter un escano reforzado no Congreso con Néstor Rego como deputado, e aproveitará que se trata dunha cámara de representación territorial para facer valer tamén no Senado os intereses de Galiza.

Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón aposta por unha muller de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión, unha voz forte e solvente para visibilizar Galiza tamén na Cámara alta.

A que será designada senadora no Pleno desta semana, agradeceu ao BNG a confianza para asumir esta responsabilidade como senadora autonómica “que asumo co máximo compromiso e coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado”.

“No BNG somos conscientes de que é unha Cámara con moitas limitacións, pero imos espremer ao máximo as posibilidades que nos da o Senado para defender aqueles asuntos que máis lle interesan a Galiza, en todos os ámbitos: nas infraestruturas, no económico, no social”, indicou.

Da Silva subliñou que será un escano de senadora ao servizo dos galegos e das galegas, “para que se me entenda, vou facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galiza pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste País. Pola contra, como senadora elixida polo Parlamento galego vou traballar coa máxima dedicación a favor dos galegos e as galegas, porque iso é o que fai o BNG en todas as institucións”, concluíu.