BNG propón un cambio de rumbo na política de residuos cun modelo de xestión baseado na compostaxe da materia orgánica
Luís Bará fai un chamamento á Xunta para que anule o taxazo de Sogama e negocie cos concellos cambios graduais, reducindo incineración e vertedoiro
O BNG aposta pola posta en funcionamento dun novo modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe da materia orgánica, unha alternativa de proximidade ao sistema centralizado e antiecolóxico de Sogama que permita a Galiza abandonar os postos de cola e se sitúe á cabeza das comunidades máis avanzada nesta materia.
“Constatamos que Sogama fracasou por ser un sistema centralizado e baseado na incineración e apostamos por unha alternativa de proximidade baseada na compostaxe”, explicou o portavoz de Medio Ambiente do BNG no Parlamento, Luís Bará, tras a xornada nacional sobre residuos celebrada en Santiago, na que cargos institucionais do Bloque analizaron a situación actual e trazaron a estratexia nacionalista a desenvolver no Parlamento e nos concellos sobre esta materia.
Unha estratexia que, segundo apuntou Bará, pasa un cambio de rumbo cun novo modelo a desenvolver de maneira conxunta por Xunta e concellos que prime a compostaxe doméstica e comunitaria dos biorresiduos, a redución da produción destes (especialmente dos alimentarios) e o incremento da recollida separada e a reciclaxe das demais fraccións (papel e cartón, vidro, embases e embalaxes, residuos téxtiles, aceites, mobles e enseres, e aparellos electrónicos domésticos).
Os representantes do BNG nas diferentes administracións constaron que Galiza está actualmente á cola no tratamento de residuos porque Sogama -sociedade da que forman parte a Xunta e Naturgy- apostou pola incineración e o vertedoiro, até o punto de que máis do 80 % dos residuos municipais que se xestionan en Cerdeda acaba queimándose ou no vertedoiro. Só no 2023, 739.000 toneladas foron para incineración (539.621t) ou vertedoiro.
Ademais, Galiza só chegou no 2020 ao 21 % da reciclaxe de residuos, incumprindo os obxectivos fixados para ese ano pola UE de alcanzar o 50%. “Con total seguridade imos incumprir de novo a porcentaxe marcada para 2025, que é do 55%”, advertiu Luís Bará, quen criticou que, malia estes datos, Xunta e Naturgy “en lugar de aceptar a realidade e propoñer cambios sigan nunha fuxida cara adiante, con investimentos multimillonarios e grandes contratos que consolidan a súa aposta pola incineración e o vertido, solucións penalizadas na normativa comunitaria”.
“Contratos multimillonarios con empresas privadas, repercusión do imposto á incineración e ao vertedoiro e suba do prezo do gas que Sogama compra a Naturgy e usa para secar o lixo antes de queimalo, son a tormenta perfecta que explica o desequilibrio das contas da sociedade”, engadiu o deputado nacionalista.
En vez de rectificar e facer cambios no modelo, o portavoz nacionalista denunciou que o Executivo de Rueda optase por incrementar de maneira unilateral e abusiva o canon que pagan a Sogama os concellos, desde os 68 euros de 2023 a 108 euros por tonelada en 2025. Trátase, segundo subliñaron os cargos institucionais do BNG, dunha factura millonaria que asfixia aos concellos, que se verán na obriga de repercutir a suba á veciñanza.
É por iso que, mais unha vez, reclamou ao Goberno do PP que retire o taxazo que quere impor aos concellos e abra unha negociación coas entidades locais para introducir para introducir cambios graduais no sistema de xestión de residuos.
Ademais de Luís Bará, que abordou na súa intervención o fracaso de Sogama e as propostas alternativas, interviu na xornada o deputado e concelleiro pontevedrés César Mosquera, que falou do programa Revitaliza que, baseado na compostaxe, o BNG desenvolveu na Deputación de Pontevedra entre os anos 2015 e 2023. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, falou pola súa banda do programa Allariz Re, mentres que as rexedoras de Cangas, Araceli Xestido, e Muros, María Lago, expuxeron as experiencias das mancomunidade do Morrazo e Serra do Barbanza respectivamente.
O cambio de modelo que propoñen os cargos do BNG contempla un período transitorio no que coexistan os diferentes sistemas actualmente en vigor (Sogama, Nostián e Serra do Barbanza). No foro nacionalista abordouse ademais a necesidade de introducir gradualmente cambios para avanzar no cumprimento dos obxectivos de reciclaxe para 2025 e 2030, así como de aprobar medidas de apoio aos concellos, como modelos de ordenanzas de xestión de residuos, programas de prevención e xestión ou colaboración na posta en marcha de servizos de inspección de residuos
A elaboración de estudos para o establecemento de sistemas de pago por xeración, de maneira que pague máis quen máis residuos xera, e a creación dun fondo específico de apoio a concellos que incentive a aplicación de boas prácticas en materia de prevención, recollida separada, reutilización e reciclaxe son outras das propostas analizadas nas xornadas do Bloque.