BNG propón blindar por lei que a atención primaria reciba o 25 % do orzamento total de Sanidade como recomenda a OMS
A portavoz de Sanidade, Montse Prado, acusa o PP de tela infradotada, infravalorada e desprestixiada, situándoa á cola do Estado en investimento
Reclama a recuperación das catro áreas sanitarias de A Mariña, O Salnés, O Barco e Monforte que o PP eliminou e converteu en “distritos sanitarios”
O BNG propón blindar por lei que a atención primaria reciba o 25 % do orzamento total da Consellería de Sanidade, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), coa fin de garantir o dereito á saúde de todos os galegos e galegas. Unha atención primaria libre de recortes, listas de espera e cos recursos materiais e humanos que precisa.
A formación nacionalista tamén reclama recuperar as catro áreas sanitarias eliminadas polo PP e que transformou nos denominados “distritos sanitarios” de A Mariña, O Salnés, O Barco e Monforte.
A encargada da área de Sanidade do BNG, Montse Prado, acusa o Executivo de Rueda de ter a atención primaria infradotada e á cola do Estado, cun 11,79 %, xa que só Madrid está por detrás de Galiza no investimento nesta área, segundo os datos do Ministerio de Sanidade de 2021, que sitúan a media estatal nun 14,17.
“As políticas sanitarias do partido Popular nos últimos quince anos na Xunta deixan a atención primaria secundarizada, desprestixiada e minusvalorada, con listas de espera de semanas, e 201 concellos de Galiza sen un só pediatra”, denuncia, malia a que a atención primaria “resolve entre o 80 % e o 90 % dos problemas de saúde”, apunta.
“Está máis que demostrado que unha atención primaria ben dotada garante unha poboación máis sá, mellor atendida e a menor custe”, ademais de “garantir a igualdade diante da enfermidade” de xeito que a atención sanitaria non dependa “da tarxeta bancaria”, salienta Prado.
É por iso que o BNG defenderá no Pleno desta seman, a través dunha proposición de lei, que se fixe no 18 % o investimento en atención primaria nos orzamentos da Consellería para 2025 e un 21 % nos presupostos de 2026, asegurando, deste xeito gradual, o obxectivo de blindar por lei o 25 % como mínimo no exercicio de 2027.
Segundo sinala Prado, trátase dunha proposta “necesaria”, que cumpra coas recomendacións da OMS e “que teña orzamento suficiente para máis persoal, para equipos multidisciplinares, para a introdución de novas categorías e para a posta en marcha das carteiras de servizo, así como a introdución de psicoloxía clínica e outras categorías para garantir a correcta atención das persoas con problemas de saúde mental”, subliña. Un orzamento que tamén sexa quen de “rematar coa precariedade laboral”, engade.
Unha atención primaria con capacidade de planificar e decidir
Para a deputada nacionalista, a atención primaria debe ademais ter a capacidade de planificar e decidir. Por iso, o BNG pide unha xerencia de atención primaria “en pé de igualdade coa atención hospitalaria”, con capacidade para xestionar os orzamentos e os recursos humanos, onde os sete distritos se convertan en áreas sanitarias, “a empezar polos catro suprimidos polo PP”, aclara Prado, incluíndo ademais Barbanza, Cee e Verín.
Montse Prado advirte que unha atención ben dotada non só debe atender o inmediato ou urxente, “como está acontecendo”, senón para “promover a saúde, previr a enfermidade, facer seguimentos crónicos, evitando as listas de espera, que as persoas teñan que acudir a urxencias, a hospitalización ou a cronificación da enfermidade”, remata.