congreso

BNG propón “blindar e ampliar” os servizos ofrecidos por Correos

Néstor Rego

Néstor Rego: “O Goberno debe declarar a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos como empresa de interese social e utilidade pública”

Telefonía, entrega de paquetes especiais como medicamentos, actuar como entidade financeira pública e de seguros ou ampliar o horario de atención: entre os servizos defendidos polo BNG, en canto non sexa transferida á Galiza

A iniciativa nace co obxectivo de reverter a situación actual de Correos e crear un instrumento que permita reverter o despoboamento do rural e axude na cohesión social e territorial

O Bloque Nacionalista Galego defende que, en canto non sexa transferida á Galiza, Correos sexa declarada como empresa de interese social e utilidade pública e ampliar o abano de servizos que ofrece a Sociedade Estatal. Entre os novos servizos que propón o BNG destaca o servizo como entidade financeira e de seguros, así como o servizo especial de paquetería para a entrega de medicamentos ou impulsar a creación dun operador de telefonía aproveitando a sinerxía da filial Correos Telecom. Néstor Rego destaca que estas medidas serían tamén un instrumento para reverter o despoboamento do rural e contribuirían para a cohesión social e territorial.

“A situación actual de Correos é froito das políticas de desmantelamento e recorte dos servizos que ofrecía. Entendemos que o punto de partida é difícil mais tamén o vemos como unha oportunidade para lanzar un proxecto que garanta a viabilidade do servizo e axude a reverter o despoboamento, sobre todo en zonas rurais, e axude á cohesión social e territorial” sinala o deputado do BNG.

De facto, cabe destacar que as propostas defendidas polo BNG susténtanse en documentos como o informe do Consello Económico e Social de 2018, así como a “Estratexia España 2050”, que incide na necesidade de fortalecer os servizos públicos e un dos seus obxectivos é o de “asegurar unha apropiada prestación de servizos básicos a toda a poboación en condicións de equidade, adaptada ás características de cada territorio”.

“É imprescindíbel reforzar o status xurídico como sociedade pública, apostando polo reforzo dos servizos públicos, dando a volta á tendencia posta en práctica até este momento” afirma o deputado do BNG. Para isto, Rego sinala a necesidade de que o Goberno declare a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A “como empresa de interese social e utilidade pública”.

Ampliar servizos, diversificar a actividade

A pesar de que se deron pasos para favorecer que a entidade pública puidese contribuír para a prestación de servizos esenciais, a organización nacionalista entende que é preciso “ampliar este tipo de políticas”.

Por este motivo, Néstor Rego propón dotar do financiamento necesario a Correos para corrixir e solucionar as deficiencias de servizos en moitos territorios e, con especial atención, no rural. “Coa adecuada dotación de medios, Correos poderías ser un medio idóneo para facilitar servizos postais e de paquetería mais tamén servizos bancarios e de seguros, de telefonía ou outros como o transporte de medicinas desde as farmacias ás poboacións rurais”.

Segundo lembra o deputado do BNG, este servizo agora defendido pola organización nacionalista “xa foi valorado por Correos”. Trátase, explica Néstor Rego, de ampliar o abano de servizos “desde unha óptica de favorecer o ben colectivo”.

No ámbito bancario, Correos debe recuperar o papel protagonista que tivo noutros tempos coa Caixa Postal e canalizar as necesidades da poboación. Do mesmo xeito, actuar ante a crecente evolución do comercio online “que require da existencia dunha entidade pública forte para asegurar que as persoas usuarias poidan acceder aos servizos a prezos accesíbeis, en igualdade de condicións coa poboación de zonas urbanas onde hai maior oferta e competitividade”.

“Faise imprescindíbel dotar a entidade dos instrumentos necesarios para afrontar os novos retos e as novas realidades. Por isto entendemos que é necesario actualizar o marco do Servizo Postal Universal (SPU) dando cobertura a eses servizos que a día de hoxe non forman parte dos mesmos” sentenza Néstor Rego.