O BNG propón aproveitar o fin das concesións franquistas para nacionalizar os saltos hidroélectricos
Nacionalizar a explotación hidroeléctrica, prevención e loita contra os incendios forestais, fracaso do acordo estatal para frear a caída do prezo do leite e peche de camas nos hospitais públicos son as principais cuestións que o BNG leva ao que será o último pleno da Lexislatura.
O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, explicou a proposta nacionalista: recuperar para a xestión pública as ducias de saltos hidroeléctricos existentes nos ríos do país cuxas concesións franquistas de entre 50 a 75 anos van expirar a curto prazo.
As centrais hidroeléctricas son exemplo paradigmático de como esquilman nos recursos naturais de Galiza asumindo como país todos os custes medioambientais pero sen beneficio algún, indicou Jorquera. A proposta do Bloque pasa por recuperar a explotación directa dos saltos hidroeléctricos a través dunha empresa pública aproveitando o fin da concesión, e incluír medidas sociais naquelas cuxa recuperación aínda non sexa posible.
O BNG pedirá explicacións polo peche de 900 camas nos hospitais públicos nunha decisión que se repite cada verán sen atender a lóxica asistencial algunha posto que os pacientes non baixan en función da estación, denuncia Jorquera, quen avanza as consecuencias desta decisión de Feijóo: maiores dificultades de acceso ás prestacións sanitarias, aumento das listas de espera, saturación de urxencias e maior presión sobre os e as profesionais.
Co prezo do leite en mínimos, o BNG pedirá explicacións ao Goberno sobre o acordo asinado fai un ano en Madrid coa oposición da maior parte do sector leiteiro, pese as presións da Xunta aos produtores. As renovacións de contratos dos últimos meses foron á baixa para os gandeiros e ganderias e unha terceria parte das explotacións cobran o prezo do leito por debaixo dos 24 céntimos.
Igualmente, a formación nacionalista levará a pleno unha proposta para facilitar o voto aos mariñeiros embarcados no momento de celebrarse un proceso electoral, e acabar coa anomalía democrática que deixa como cidadáns de segunda a 15.000 galegos. Lembra Jorquera que noutros países, -Suecia por exemplo-, xa teñen habilitados mecanismos electrónicos para garantir o voto a este colectivo, e incluso os astronautas poden votar en EEUU desde o espazo, ironizou.
Veto PP
En relación aos procesos electorais, o BNG lamenta o veto do PP para debater a proposta de suprimir o mailing e ter igualdade de acceso á RTVG, garantindo por lei debates e entrevistas en horario de máxima audiencia como dereito da cidadanía a ter uns medios públicos ao seu servizo e non correa de transmisión de Feijóo.
Ademais de apoiar a creación dunha comisión de memoria histórica, -iniciativa do PSOE-, o Bloque propón que o Parlamento homenaxee ás vítimas do levantamento franquista coincidindo coa data do 80 aniversario este 18 de xullo, e mesmo se instale un monumento de lembraza por xustiza histórica.
Candidatura nacionalista
Preguntado pola posibilidade dunha candidatura de confluencia entre o nacionalismo, Jorquera reiterou a dispoñibilidade absoluta do BNG para favorecer unha confluencia de todos e todas aquelas que se din nacionalistas para as eleccións galegas.
Temos esa disposición contrastada e firme, indicou, e que sexa posible materializala pasa porque colectivos que se din nacionalistas renuncien a estar supeditados a unha forza política que se chama Podemos que ten o seu centro de decisión en Madrid e que, ademais, ten un funcionamento absolutamente cesarista, para apostar por unha candidatura co centro de decisión en Galiza.
Se hai esa reflexión a nosa disposición para favorecer esa candidatura de unidade nacionalista está amplamente manifestada polos órganos de dirección do BNG, reiterou, indicando ademais que canto antes Feijóo convoque eleccións mellor para que a cidadanía teña a oportunidade de darlle o finiquito nas urnas.