BNG propón ampliar a rede de Puntos de Encontro Familiar e establecer un protocolo fronte aos riscos de violencia machista
BNG propuxo na comisión de Sanidade do Parlamento galego que a Xunta amplíe a rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF) a través de novos centros públicos (nomeadamente nas comarcas da Mariña, Terra de Lemos, Valdeorras, Verín, O Morrazo, O Salnés e a Costa da Morte) e que elabore un protocolo que permita a valoración de risco na rede galega de PEF fronte a situacións de violencia machista así como deseñar canles de comunicación e colaboración inter-institucionais que garantan a protección das e dos menores e das súas nais.
De igual xeito, nunha iniciativa defendida pola súa portavoz parlamentaria, Olalla Rodil, o Bloque avogou por introducir as modificacións regulamentarias oportunas para unificar e harmonizar os criterios de intervención nos Puntos de Encontro Familiar, así como incorporar os mecanismos necesarios de seguimento e avaliación que garantan unha atención acorde ás necesidades das familias e, especialmente, das crianzas e mulleres en situación de violencia machista.
Rodil explicou que os Puntos de Encontro Familiar, aínda que insuficiente en número (actualmente só hai na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol, Vigo e un en construción en Ribeira), son un servizo esencial para o conxunto da poboación, mais xogan un papel aínda máis relevante nos caos de violencia machista e, neste sentido, recordou a posición unánime do Parlamento galego que xa ten pedido a retirada da patria potestade dos pais maltratadores condenados en firme.
“Dende o BNG temos solicitada información oficial sobre o número de maltratadores que continúan vendo as súas fillas e fillos a través dos PEF e, aínda que non dispomos deses datos, si sabemos polos medios de comunicación que hai puntos de encontro concretos onde hai ata 8 mulleres obrigadas xudicialmente a entregar as súas crianzas a un maltratador”, advertiu, para argumentar a necesidade de establecer un protocolo fronte a situacións de violencia machista -“coñecidas ou non”, subliñou- e deseñar canles de coordinación entre institucións que garantan a protección das e dos menores e tamén das súas nais.
Para a deputada nacionalista, tamén é necesario unificar os criterios de intervención nos PEF, unha cuestión sobre a que ten insistido moito o BNG xa na anterior lexislatura, dado que cada entidade (e os PEF están externalizados na súa xestión) ten as súas propias normas e procedementos, o que ten ocasionado ademais moitas críticas, e porque “falamos de empresas multiservizo que tanto che limpan un edificio público, como garante persoal de seguridade, como xestiona un punto de encontro, como é o causo de EULEN”.
Ao seu xuízo, a urxencia de ampliar a rede de Puntos de Encontro Familiar vén dada porque a existente non dá cobertura ao conxunto do territorio e obriga a moitas persoas a percorrer centros de quilómetros para facer uso deste servizo, unha realidade que resulta contraria á propia Lei de servizos sociais de Galiza, que establece o equilibrio territorial, a descentralización e proximidade e a equidade, como principios de acceso para o conxunto de todos os recursos que integran a rede de servizos sociais.
A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP, pese a que a transacción ofrecida polo BNG recollía integramente a emenda presentada polo grupo parlamentario popular.