BNG propón actualizar a contía das axudas á violencia machista para axeitala á crise de prezos actual e o PP vota non
A deputada Noa Presas advirte que “a violencia económica é tamén unha forma de violencia machista” e que reforzar os recursos é fundamental
A responsable da area de Igualdade do BNG, Noa Presas, propuxo este mércores no Pleno do Parlamento a actualización das contías das axudas ás vítimas de violencia machista para axeitalas ao contexto actual, posterior a unha pandemia e marcado por unha crise de prezos sen precedentes.
Considera “fundamental” facelo porque, malia que ter estes recursos é “motivo de orgullo colectivo”, non se pode conxelar a súa contía, que non aumentou desde o ano 2009, “como si o fixeron outro tipo de axudas, salarios ou pensións”, subliñou.
Segundo explicou Presas, se se aplicase o IPC, a axuda base de 600 euros tería que estar nos 802 €, un aumento de 33%. O BNG pide que cando menos se aplique o incremento medio do IPC dos dous últimos anos, é dicir, entre 30 e 60 euros. “Que supón iso para un orzamento da Xunta? Nada. Que supón iso para unha muller vítima de violencia machista que necesite ese recurso para saír adiante? Todo”, manifestou.
Neste sentido, Presas advertiu que “a violencia económica é tamén unha forma de violencia machista e reforzar os seus recursos económicos é fundamental”, afirmou, salientando que, se son difíciles de recoñecer, ampliar e poñer en marcha para a muller dereitos como os salariais, reprodutivos ou de representación democrática, “é máis complexo aínda no caso do dereito a unha vida libre de violencia, porque implica desmontar a violencia profunda e transversal do patriarcado”.
A deputada nacionalista recordou que “a experiencia, os estudos, os colectivos sociais ou a literatura científica son claras: para romper a espiral de violencia é fundamental ter independencia económica porque moitas veces é iso o que ata a vítima ao maltratador, moi especialmente cando hai crianzas”.
Lamentou que hoxe as axudas teñen menos tramos de renda e menos contía que no ano 2009 porque unha das primeiras decisións de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta foi “recortalas”. Aínda así, co paso dos anos e grazas á presión social e a acordos no Parlamento, “mellorámolas”, celebrou, podendo pedirse as axudas durante todo o ano, ou ampliando en 2018 un dos tramos de renda.
“Se no 2009 a axuda base no tramo do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM) entre 1 e 1,5 era de 400 euros, no mesmo tramo en 2024 é de 300 euros, exemplificou. En 2006, segundo os datos da propia Xunta, investíronse máis de 60 millóns de euros que axudaron a 7.515 mulleres. Malia a estes datos, o PP votou en contra da iniciativa do BNG de aumentar as contías.
A responsable de Feminismo e Igualdade do BNG advertiu que a pandemia e a crise de prezos afectaron máis ás mulleres, como demostra o informe da Rede Galega Contra a Pobreza, que alerta que empeora a taxa de pobreza feminina e crece a fenda e xénero e que se agudiza a feminización da pobreza.