O BNG propón un acordo para transformar as deputacións a todas as forzas alternativas ao PP

Xavier Vence, portavoz nacional BNG

O BNG contribuíu de xeito “decisivo” a que o PP teña a menor representación municipal en toda a historia da democracia, desprazando ao partido de Feijóo en 72 concellos, 30 baixo bastón de mando nacionalista, doce en cogoberno con outras forzas e no resto facilitando unha alternativa ao PP. Ábrese unha “ventá de cambio” nos concellos e un “tempo de transformación profunda” en tres deputacións e na Fegamp, resumía o portavoz nacional, Xavier Vence, como antesala de futuras derrotas dos populares.

De xeito inmediato, anunciou unha primeira xuntanza de todos os alcaldes e alcaldesas do Bloque e dos máximos responsables políticos do BNG nos gobernos de coalición para visualizar o arranque dunha nova lexislatura “comprometida cos máis necesitados, coa dinamización económica e social e coa cultura e lingua propias”.

Vence tamén avanzou que, tras os primeiros contactos, seguirá a negociación con todas as forzas políticas alternativas ao PP para lograr un programa de goberno transformador das deputacións, citando expresamente ao PSOE e as candidaturas de Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta en Santiago e Alternativa dos Veciños en Oleiros.

“Esperamos que todas as forzas políticas que nos seus programas levaban a reforma local se comprometan nesa tarefa de reformar as deputacións, e propoñemos negociar con todas elas un plan de transformación en profundidade previo a calquera acordo do seu organigrama e de distribución de cargos”, explicou Vence.

O dirixente nacionalista subliñou que “son tempos de cambio, non de prolongar rutinas do pasado” e, neste sentido, a prioridade é acadar un programa transformador.

“Máis alá de reparto nun organigrama de goberno o que compre é poñerse de acordo nun programa de reforma das deputacións para convertelas en institucións eficientes, camiñando cara a súa desaparición a favor dos concellos. Ten que haber un plan estratéxico para estes catro anos e sen ese acordo para adelgazar e transformar as deputacións non ten sentido acordar entrar no goberno das mesmas”, explicou Vence.

Logrado ese pacto, Vence tamén salienta que o Bloque está disposto a asumir as responsabilidades de goberno que lle correspondan, sen descartar ningunha posibilidade como a de presidir a Deputación da Coruña.

Sen exclusións

Preguntado por futuras alianzas para os comicios xerais, Vence reiterou que o obxectivo do BNG nesa cita electoral é acadar para Galiza grupo parlamentario propio no Congreso que teña como único referente a defensa dos intereses estratéxicos do país, “sen supeditación a ningún grupo parlamentario de ningunha forza política estatal”.

Para iso, insiste, o Bloque está disposto a renunciar as súas siglas en aras dunha gran coalición galega, unha candidatura de amplo espectro “con personalidade xurídica propia, que sume a todas as forzas políticas que compartan ese obxectivo de acadar grupo propio para representar a Galiza no Congreso “con plena soberanía”.

“Todas as persoas, cidadanía ou forzas políticas que queiran sumar para conformar esa gran candidatura galega en clave de país, para o BNG son socios posibles. Non hai exclusións a priori de ningún partido ou siglas e todos os que comparten estes obxectivos se podan integrar”, reiterou Vence, “todos os que queremos reafirmar que Galiza é unha nación temos que sumar forzas para lograr a máxima representación no Congreso para que o noso país conte”.

“Unha alternativa inclusiva de todos aqueles que sexan capaces de poñer os intereses de Galiza por riba dos intereses partidarios”, subliñou o portavoz nacional, tras lembrar que esta é unha demanda que xa se formula desde a propia sociedade civil.