O BNG propón un acordo para transformar as deputacións a todas as forzas alternativas ao PP
O BNG contribuíu de xeito decisivo a que o PP teña a menor representación municipal en toda a historia da democracia, desprazando ao partido de Feijóo en 72 concellos, 30 baixo bastón de mando nacionalista, doce en cogoberno con outras forzas e no resto facilitando unha alternativa ao PP. Ábrese unha ventá de cambio nos concellos e un tempo de transformación profunda en tres deputacións e na Fegamp, resumía o portavoz nacional, Xavier Vence, como antesala de futuras derrotas dos populares.
De xeito inmediato, anunciou unha primeira xuntanza de todos os alcaldes e alcaldesas do Bloque e dos máximos responsables políticos do BNG nos gobernos de coalición para visualizar o arranque dunha nova lexislatura comprometida cos máis necesitados, coa dinamización económica e social e coa cultura e lingua propias.
Vence tamén avanzou que, tras os primeiros contactos, seguirá a negociación con todas as forzas políticas alternativas ao PP para lograr un programa de goberno transformador das deputacións, citando expresamente ao PSOE e as candidaturas de Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta en Santiago e Alternativa dos Veciños en Oleiros.
Esperamos que todas as forzas políticas que nos seus programas levaban a reforma local se comprometan nesa tarefa de reformar as deputacións, e propoñemos negociar con todas elas un plan de transformación en profundidade previo a calquera acordo do seu organigrama e de distribución de cargos, explicou Vence.
O dirixente nacionalista subliñou que son tempos de cambio, non de prolongar rutinas do pasado e, neste sentido, a prioridade é acadar un programa transformador.
Máis alá de reparto nun organigrama de goberno o que compre é poñerse de acordo nun programa de reforma das deputacións para convertelas en institucións eficientes, camiñando cara a súa desaparición a favor dos concellos. Ten que haber un plan estratéxico para estes catro anos e sen ese acordo para adelgazar e transformar as deputacións non ten sentido acordar entrar no goberno das mesmas, explicou Vence.
Logrado ese pacto, Vence tamén salienta que o Bloque está disposto a asumir as responsabilidades de goberno que lle correspondan, sen descartar ningunha posibilidade como a de presidir a Deputación da Coruña.
Sen exclusións
Preguntado por futuras alianzas para os comicios xerais, Vence reiterou que o obxectivo do BNG nesa cita electoral é acadar para Galiza grupo parlamentario propio no Congreso que teña como único referente a defensa dos intereses estratéxicos do país, sen supeditación a ningún grupo parlamentario de ningunha forza política estatal.
Para iso, insiste, o Bloque está disposto a renunciar as súas siglas en aras dunha gran coalición galega, unha candidatura de amplo espectro con personalidade xurídica propia, que sume a todas as forzas políticas que compartan ese obxectivo de acadar grupo propio para representar a Galiza no Congreso con plena soberanía.
Todas as persoas, cidadanía ou forzas políticas que queiran sumar para conformar esa gran candidatura galega en clave de país, para o BNG son socios posibles. Non hai exclusións a priori de ningún partido ou siglas e todos os que comparten estes obxectivos se podan integrar, reiterou Vence, todos os que queremos reafirmar que Galiza é unha nación temos que sumar forzas para lograr a máxima representación no Congreso para que o noso país conte.
Unha alternativa inclusiva de todos aqueles que sexan capaces de poñer os intereses de Galiza por riba dos intereses partidarios, subliñou o portavoz nacional, tras lembrar que esta é unha demanda que xa se formula desde a propia sociedade civil.