O BNG propón un acordo na Cámara Galega para dicir “non” ao recortazo dos orzamentos xerais do Estado
- A perda de 442 M€ supón un descenso do 33% para investimentos en Galiza mentres se incrementan os gastos militares e da Casa Real
O parlamentario do BNG, Luís Bará solicitou hoxe, a través dunha proposición non de lei, un acordo da Cámara galega para rexeitar o proxecto de Orzamentos do Estado 2017 polo recortazo nas inversións en Galiza e os recortes sociais que presentan.
Bará defendeu uns orzamentos que “respecte a Galiza e ao seu pobo” e que permitan o seu desenvolvemento. Estas cifras, dixo, respondendo ao portavoz do Partido popular, “son frustrantes” se as comparamos con outros territorios que están a negociar grandes vantaxes como Canarias ou Euskadi e mentres tanto temos que ver como o Partido popular e Núñez Feijóo limítanse a “calar, outorgan e aplauden coas orellas estes acordos”.
Para o deputado, os “agravios con Galiza” seguen medrando e puxo como exemplo a “estafa” da AP-9 que coincide co rescate multimillonario das catro autoestradas madrileñas con 3.500 millóns de euros que se incluirán nos orzamentos do Estado 2017-2018, o sistema de financiamento local e autonómico “discriminatorio para Galiza” ou a sucesión de “enganos e retrasos do AVE”.
O parlamentario tamén indicou que mentres en Galiza hai un descenso dun 33% nos investimentos os gastos militares e da Casa Real foron incrementados. “Para iso si que hai cartos”, denunciou.
Os doce deputados e deputadas galegas no Congreso “non sabemos que pintan porque só saben dicir amén a todo o que lles mandan”. Aquí en Galiza, vemos como o Partido popular aplaude un recorte de 442 millóns de euros que nos devolven á etapa “máis negra da era e do goberno de Aznar” cuns investimentos que en Galiza tocaron fondo.
Pero ademais, engadiu, vostedes tamén aplauden que durante estes anos quedaran sen executar 2.000 millóns de euros polo que volvemos a propoñer “un acordo” para recuperar eses investimentos para un plan de infraestruturas que aposte polo ferrocarril, a rede de estradas e a modernización dos portos e aeroportos.
O deputado preguntou que pensaría o PP se o acordo co PNV fora aprobado por outro goberno e respondeu que Feijóo e o Partido popular galego o consideraría “un aldraxe” e se o recorte de 442 millóns de euros fixéraa outro goberno seguro que non o aplaudirían como están a facer agora.
O nacionalista pediu ao Partido popular que escollera á hora de votar a iniciativa do BNG, “estar ao lado dos intereses do PP de Madrid e Rajoy ou dos intereses de Galiza e do Pobo galego”. Nós recalcou, “sabemos de que lado estamos”.
Os votos do grupo maioritario do Partido popular impediron que prosperara a iniciativa nacionalista que reclamaba o acordo da Cámara para rexeitar o proxecto de Orzamentos do Estado 2017 polo “recortazo” nas inversións en Galiza.