BNG procura o compromiso da Xunta nas compensacións ao marisqueo do Burgo e esta volve eludir as súas competencias
Mercedes Queixas recrimina ao PP a súa negativa a unha iniciativa no Parlamento galego para asumir a súa responsabilidade cas mariscadoras e mariscadores
Cualifica de “burla social” a súa proposta de achegar 100.000 euros e pedir a mesma cantidade a concellos ribeiregos sen recursos nin competencias
BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta se comprometese na procura de acordos que permitan outorgar compensacións ao sector do marisqueo afectado polas obras de drenaxe da ría do Burgo, iniciativa que foi vetada polo PP escudándose en que as obras son titularidade do Estado.
Ante a que é a terceira negativa do Grupo Popular en comisión parlamentaria ás sucesivas iniciativas nacionalistas neste sentido, a deputada Mercedes Queixas acusou á Xunta de eludir as súas responsabilidades como goberno con competencias exclusivas en materia de pesca e marisqueo. “A palabra ‘competencia’ significa facerse cargo a todos os efectos e con todas as consecuencias do que realmente lle corresponde e este é o caso: é a súa competencia e teñen que facerse cargo”, recriminou.
Queixas recalcou que é o Executivo galego quen ten unha concesión administrativa con este colectivo de mariscadores e mariscadoras e, polo tanto, se a actividade se interrompe, é esta Administración a que debe asumir a situación e, en todo caso, se considera que esta interrupción vén ocasionada polo Estado, a que debe abrir vías de diálogo con Goberno central para acordar compensacións económicas para o sector. “Pero quen se ten que facer cargo directamente do que acontece cos 80 mariscadores e mariscadoras afectados é a Xunta; non o disfracen con ningún outro discurso porque saben que é mentira”, reprochou con rotundidade.
A deputada nacionalista acusou de falta de coherencia ao Goberno de Feixóo por non asumir as súas responsabilidades e, sen embargo, na súa proposta “poñerlles deberes aos concellos” que “eles si que non teñen competencia algunha” nesta cuestión. Neste sentido, criticou a súa oferta de achegar 100.000 euros para as compensacións ao sector e reclamar exactamente a mesma achega aos municipios ribeiregos.
“Concellos que non só non teñen competencias na materia, senón que ademais teñen un nivel orzamentario que non é comparable ao da Xunta”, recriminou, para a continuación advertir de que, segundo a proposta do PP, municipios como os de Culleredo ou Cambre, con orzamentos de 25 ou 18 millóns de euros, respectivamente, terían que achegar a mesma cantidade que o Goberno galego, “no que vostedes cualifican como o orzamento máis expansivo da historia deste país”, cuestionou con severidade.
Logo de criticar a falta de diálogo ademais coas mariscadoras e mariscadores, a quen segue sen recibir despois de varias reunións adiadas por parte da Consellería de Pesca, Queixas recordou á Xunta a Lei Montoro, “da que vostedes tanto gustan”: “unha Administración, unha competencia; polo tanto, a cada Administración, a súa competencia e esta non é dos concellos”, incidiu.
Ante esta proposta do PP, a deputada nacionalista pola Coruña concluíu que “o nivel de burla non pode ser maior; isto non é un plan social, isto é unha burla social”.