BNG proclama o domingo a Ana Pontón candidata á presidencia da Xunta como a referencia inequívoca do cambio galego
O BNG presentou o acto nacional de proclamación de Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións galegas, un acto que terá lugar este domingo 3 de decembro, ás 12h, no hall do Multiusos Fontes do Sar de Santiago e que estará centrado na figura da líder nacionalista que é “moito máis que a candidata do BNG, é a referencia, a candidata do cambio galego”.
Así o afirmou o responsable de Comunicación, Xavier Campos, durante a presentación do acto xunto á responsable da área de Organización, Lucía López. Campos subliñou que Pontón é a “referencia do cambio” para unha inmensa maioría da sociedade galega que nestes momentos espera un cambio político en Galiza nas vindeiras eleccións.
“Ana Pontón é a referencia e a candidata do cambio para todas aquelas persoas que queren ese cambio político, votasen hai catro anos o que votasen ou que votaron hai poucos meses nas eleccións xerais”, asegurou para incidir a continuación en que o liderado de Pontón e o BNG “vai moito máis alá do nacionalismo”, senón que é o liderado de todas as persoas que desexan un cambio político no País. Campos indicou tamén que estas eleccións van supoñer unha escolla simple, pero central: “A sociedade galega vai ter que escoller entre máis do mesmo con Rueda e o PP ou un cambio político galego, feito dende aquí con Ana Pontón e o BNG”.
Neste sentido, o BNG entende que “este é o momento” e concibe o acto do domingo como “o punto de partida simbólico, a conta atrás” para facer realidade ese cambio político que hoxe en día unha maioría da sociedade galega precisa e quere.
O responsable de Comunicación quixo salientar a participación no acto de Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, tamén dende unha perspectiva simbólica. “Vimos de facer historia nas pasadas eleccións municipais conseguindo que por primeira vez unha muller lidere a alcaldía da capital de Galiza e estamos seguros de que nas vindeiras eleccións galegas imos volver facer historia conseguindo que Galiza teña por primeira vez unha muller nacionalista, feminista, como presidenta do noso País”, explicou.
Nesta mesma liña se pronunciou Lucía López ao afirmar que “temos a maquinaria engraxada, con todo o noso corpo militante preparado para ir a por todas nas vindeiras eleccións galegas, sexa cando sexa que se convoquen”, co obxectivo de darlle a Galiza un goberno liderado polo Bloque “que defenda os intereses dos galegos e das galegas” fronte a un executivo do PP “que sempre funcionou ao ditado do que mandaban en Génova”.
“Hoxe boa parte da sociedade galega ve ao BNG como alternativa incuestionable ao PP e a Ana Pontón como a líder desa forza que pode derrotar ao Partido Popular e traer a este País o cambio que moita xente está a esperar”, incidiu.
A responsable de Organización salientou que o acto de proclamación de Pontón como candidata á presidencia da Xunta desenvolverase logo que fose elixida practicamente por unanimidade da militancia do BNG, o que caracteriza o “proxecto colectivo” dunha formación política que toma as súas decisións contando sempre “coa participación da militancia”.
Por último, López avanzou que o acto do domingo, conducido pola actriz Beatriz Campos, será “un acto potente” con máis de mil persoas chegadas de todo o País e contará coa participación de representantes de distintos actores da sociedade galega, dende o ámbito da sanidade pública, pasando polo rural, a ciencia e a innovación, a cultura ou tamén do mundo do traballo.