O BNG presentará unha iniciativa para impulsar un plan de educación afectivo sexual nos centros educativos
A deputada, Olalla Rodil tamén reclamou recuperar o proxecto inicial dos centros "Quérote” e dotalos de recursos
A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil, reclamou restituír, na súa maneira orixinaria, os centros “Quérote” para asesorar á mocidade en materia sexual e afectiva.
Ademais, reclamou elaborar un Plan galego de educación afectiva e sexual destinado ao conxunto do alumnado e adaptado ás diferentes idades, tal e como reclaman as Nacións Unidas.
A parlamentaria lembrou que unha das ideas máis estendidas dentro do movemento feminista foi a proclamada por Kate Millet afirmando que “o persoal é político”, idea que rachou co concepción da violencia contra as mulleres ao considerar que esta desenvolvese no ámbito privado con relacións de poder semellantes ás que se producen no ámbito público.
Dentro do ámbito privado, dixo Rodil, atopase a sexualidade, unha actividade fundamental para o desenvolvemento persoal na maior parte das veces ligadas á reprodución, “un tabú” que reforza e reproduce prexuízos, roles e estereotipos de xénero especialmente entre a mocidade.
No ano 2013 o Relator especial sobre o dereito á educación das Nacións Unidas advertiu que todas nós somos informadas sexualmente por acción ou omisión. Sen embargo, a decisión de non brindar educación sexual desde o ámbito público, especialmente as escolas, supón optar por un currículo oculto que deixa ás crianzas e adolescentes á súa sorte en canto ao tipo de coñecemento e mensaxes que reciben. A ausencia dunha educación sexual integral nos centros de ensino converte a pornografía en emisora única de información e outórgalle a esta industria un poder inmenso na fixación de roles, referentes e visións dunha sexualidade que ademais de irreal son “inmensamente violentas, machistas e patriarcais”, afirmou.
Na actualidade, o acceso a contidos pornográficos resulta accesible con apenas acceder en apenas un click e a ausencia dunha educación sexual integral nas diferentes etapas educativas ten consecuencias negativas que inciden en valores e actitudes patriarcais polo que volveu a reclamar “un plan galego de Educación sexual e afectiva, nas diferentes etapas educativas e recupera o proxecto inicial dos centros Quérote”.
INICIATIVA DO BNG PARA IMPULSAR O PLAN DE EDUCACIÓN AFECTIVO SEXUAL EN TODOS OS CENTROS EDUCATIVOS
Trala resposta da conselleira de Política Social, Fabiola García que centrou a súa intervención nas as actividades dos centros Quérote máis en 21 centros de ensino, a deputada do BNG replicou que os datos confirman que “non se está a facer practicamente nada”. Os programas, explicou Rodil, van destinados a rapaces e rapazas a partir de 15 anos e lembrou que en Galiza hai máis de 1.000 centros educativos. Por outra parte, tamén criticou que só existan actividades nesta liña en 24 concellos dos 313 que existen en Galiza.
A nacionalista volveu a reclamar o “proxecto inicial dos centros Queróte” e anunciou que o BNG rexistrará unha iniciativa de impulso no Parlamento sobre “o Plan de Educación afectivo-sexual para o conxunto das etapas educativas dos centros escolares galegos”.