O BNG presenta a súa candidatura ás Europeas co obxectivo de volver ser o escano de Galiza en Europa

Presentación candidatura

Ana Miranda asume o compromiso de ser de novo a voz de todo o pobo galego desde unha perspectiva de país, feminista e de esquerdas

Pontón destaca o aval do traballo feito sen subordinacións: Angrois, sectores produtivos, pensións, rexeneración das rías, memoria histórica

O BNG presentou a súa candidatura ás eleccións europeas do 26M que encabeza a actual eurodeputada, Ana Miranda, co compromiso de que, de novo, a representación nacionalista volva ser o escano do pobo galego. “Non será o escano do BNG, senón o escano de Galiza”, recalcaron tanto a candidata como a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Ana Miranda foi a eurodeputada de Galiza e vai garantir que este país teña voz propia en Bruxelas porque o do Bloque foi e volverá ser o escano dos e das galegas no Parlamento europeo”, indicou a líder nacionalista, quen “desde a humildade pero con orgullo” salientou o traballo da candidata ao longo desta lexislatura.

“Fixo máis por Galiza que o resto de eurodeputad@s galegas xuntas. E aí está o traballo e aí están os resultados”, recalcou, citando como exemplos a defensa da pesca artesanal, o contundente informe en defensa das vítimas do Alvia, o empeño en sacar adiante a rexeneración das rías e contra os megaproxectos mineiros contaminantes, ou plantándolle cara á involución democrática e aos privilexios do franquismo sen Franco reclamando na Eurocámara a ilegalización da Fundación Franco.

Con este aval e cun BNG en clara remontada, Pontón está convencida de que moitos galegos e galegas “van coller a papeleta que encabeza Ana Miranda o 26M”, e será de novo a voz de Galiza “sen submisións en defensa dos intereses deste país, dos dereitos e das liberdades”,   unha candidatura que defende “principios transformadores, feministas, republicanos e de esquerdas”.

Miranda recalcou o seu compromiso de volver ser a eurodeputada “de todo o pobo galego” cun traballo político feito “que aporta unha credibilidade” que outros non teñen. “Dimos a cara por todos os temas que importaban, sen ataduras e dando voz directa ás persoas e colectivos afectados nas institución europeas tanto no Parlamento como na Comisión”, subliñou.

Da man do BNG ante o lexislativo e o executivo comunitarios falaron “mariscadoras da da Ria do Burgo, as vítimas do accidente de Angrois, representantes dos sectores produtivos como o pesqueiro e o agrogandeiro no que as políticas da UE teñen unha repercusións clave,  colectivos sociais e de defensa do territorio, plataformas de pensionistas e persoas que traballan pola recuperación da memoria histórica e para acabar cos privilexios do franquismo, entre outros”, explicou Miranda.

“Galiza como referente, facendo un traballo desde a transversalidade para que todo o mundo se vexa representado nesta eurodeputada, nesta candidatura e no compromiso do BNG”, salientou, tras presentar ás persoas integrantes da lista ao Parlamento europeo.

Candidatura

Desde referentes do nacionalismo con ampla traxectoria como Olaia Fernández Davila ou Alfredo Suárez Canal, representantes do movemento feminista como a profesora da UVI, Ana Bringas, a sindicalista Luísa Baños, o traballador de Ferroatlántica Alfonso Mouzo, o activista en defensa da recuperación da memoria histórica, autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babio, a gandeira Ermitas Rodríguez, nunha lista que pechan Olga Castro e Robert Neal, filólogos.

“Porei toda a miña experiencia e perseverancia na defensa dos intereses dos galegos e das galegas e para construír unha Galiza mellor tamén desde Bruxelas”, concluíu.