BNG presenta "Somos máis", a banda sonora da cidadanía que quere unha Galiza mellor
“É un tema que representa a un País na súa diversidade e que convida a mirar o futuro con esperanza e con confianza”, subliña a líder nacionalista
Aposta polo talento do País con Xosé Lois Romero como autor, as voces de Mondra, Nadie González e Bouba pandereteiras e Lara Caeiro no visual
A portavoz nacional, Ana Pontón, referiuse á nova sintonía oficial do BNG, que se deu a coñecer hoxe, como a banda sonora de todos os galegos e galegas que teñen depositadas na formación nacionalista “as esperanzas para construír un País mellor”.
Pontón presentou a nova sintonía en Santiago acompañada do seu autor, Xosé Lois Romero; dos intérpretes Mondra e Nadie González, que xunto ás Bouba pandereteiras, poñen as súas voces na versión cantada; e Lara Caeiro, creadora do videoclip de lanzamento.
Trátase, explicou a portavoz nacional, de poñerlle música “ás esperanzas dun País” e banda sonora “ao futuro que quere construír un BNG que está no mellor momento da súa historia e que consegue chegar a segmentos sociais moi amplos”, un momento que “merecía música”, afirmou.
Neste contexto, e coa súa presentación ás portas do Día da Patria, con todo o simbolismo que implica a data, a sintonía tamén representa a un “País na súa diversidade, ao conxunto do País”, indicou. “Enlaza perfectamente coa idea de que cada vez somos máis e que queremos seguir mirando para o futuro con alegría, con esperanza e coa confianza no noso país”, recalcou.
A líder nacionalista contextualizou a nova sintonía oficial no proceso iniciado polo BNG hai oito anos cun “cambio de rumbo na organización” e “a aposta por unha nova dirección e unha nova imaxe”. “Faltaba unha pata, renovar a sintonía”, afondou logo de lembrar outros dous temas ben coñecidos, Wonderful Land, de Mike Olfield, que o Bloque usou durante os anos 80 e ata mediados dos 90, e Xente, de Berrogüetto, que lle deu continuidade ao anterior como sintonía oficial xa nos 2000.
“A música é unha parte importante das nosas vidas, todas e todas temos a nosa banda sonora, e queremos que este tema sexa a banda sonora non só do BNG, senón de todos eses galegos e galegas que teñen depositadas en nós as esperanzas para construír un País mellor”, afondou sobre unha peza creativa que quere “amosar un proxecto de País, unha concepción e un canto á esperanza”.
Pontón amosou o orgullo do BNG por poder contar con “algunhas das persoas máis representativas da cultura galega”, ás que agradeceu a súa colaboración tanto na composición musical, como na interpretación, como na creación visual.
De feito, a sintonía está composta por Xosé Lois Romero, figura da música tradicional galega desde proxectos como Xosé Lois Romero & Aliboria ou Baiuca. “Ten unha traxectoria moi ampla e recoñecida na nosa cultura e estamos moi agradecidas de que aceptara o reto”, afirmou a portavoz nacional.
Á versión cantada póñenlle voz destacados artistas como a rapeira Nadie González, Bouba pandereteiras ou Mondra, ao que Pontón sinalou como “unha das persoas que máis está destacando na escena musical do País”, coa súa redefinición da tradición. “Está demostrando que hai unha nova xeración no País que está apostando, desde a raíz do que somos, por ter un discurso cheo de modernidade e futuro”, engadiu.
De igual xeito agradeceu a participación de Nadie González co seu talento á hora de facer música “dende culturas máis urbanas”, o que representa o avance “dunha cultura que dialoga con outras”, e a creatividade no videoclip da videocreadora Lara Caeiro, habitual nas rodaxes e na dirección de arte das e dos artistas emerxentes da escena musical galega.
Equipo creativo que pon de manifesto tamén “toda a potencia que ten a cultura galega en diferentes disciplinas”. “É un luxo poder contar con xente que non só ten talento, senón que ten un corazón enorme que tamén se deixa sentir nas súas creacións culturais”, concluíu a líder nacionalista.