BNG presenta no Parlamento unha Lei Integral de Cultura para poñer a Galiza na vangarda e innovación en política cultural

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas: “despois de 40 anos de autonomía é hora de facer balance para dar pasos adiante que faciliten a superación dos déficits actuais e avanzar novas fórmulas adaptadas ao que o sistema cultural ofrece e demanda”

A proposta, que  procura actualizar o mapa público da cultura e adaptalo á realidade galega de 2023, quere dar resposta ás necesidades que presenta a cultura, a lingua galega e ás necesidades que demanda o propio sector

Inclúese dentro do marco de actuación de comunidades como Canarias, coa Lei do Sistema Público de Cultura de Canarias, onde o seu parlamento fixou por lei avanzar cara ao 2% do orzamento para a cultura en 2030, proposta que tamén recolle o BNG

O BNG presentou hoxe no Parlamento unha proposta para impulsar o sector cultural galego encol dunha Lei Integral de Cultura que actualice o mapa público da oferta cultural, coa vontade de dotar ao País de ferramentas para garantir a función social e o dereito de acceso á cultura.

“O deseño da política cultural non pode ser sempre un actor secundario nin responder á improvisación ou a axendas marcadas desde fóra”, emprazou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas. Enxalzou esta proposta, que procura “non identificarse con criterios exclusivos de diversión ou turismo senón tamén avanzar na protección dos dereitos culturais”, algo que, insistiu “non pode agardar máis”, xa que se trata dun eido, o da acción e divulgación cultural, presente como “elemento central do debate, especialmente a través de temáticas como os dereitos culturais”, sinalou.

A proposta do BNG terá por obxecto a regulación dos dereitos culturais da cidadanía galega e a articulación do sistema cultural público do noso País para actualizar o mapa cultural ás esixencias do 2023 e os anos vindeiros, é dicir, adaptar o mapa da cultura ao presente e o futuro de Galiza, escoitando “ás necesidades que presenta a lingua galega, ás necesidades que demanda o propio sector cultural e ás novidades e cambios que cambiaron das últimas décadas no ámbito cultural”, describiu Queixas, en alusión a procesos como a mudanza tecnolóxica, o mundo dixital, a relación co multimedia e transmedia e as novas formas de acceso e difusión dos productos e novas culturais.

Unha Galiza á vangarda da política cultural

A iniciativa, argumentou a portavoz, quere poñer a Galiza á altura das comunidades da súa contorna, como é o caso de exemplos como o de Canarias, onde o seu parlamento fixou por lei avanzar cara ao 2% do orzamento para a cultura en 2030, proposta que o BNG quere vencellar tamén a esta Lei de Integral de Cultura.

Unha Galiza, concluíu a portavoz de Cultura, á vangarda cultural fronte a continua “perda de peso político diluido nunha macroconsellería”, denunciou Queixas, que criticou que centros senlleiros de arte e producción propia como o Centro Dramático Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego ou a Filmoteca de Galicia-CGAI “non poden seguir perdendo identidade”. Tampouco é tolerable, enfatizou, que a cultura galega “continúe relegada a un segundo plano” no marco dos medios públicos galegos, a CRTVG.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG