O BNG presenta mocións nos concellos de Bergantiños para parar o proxecto mineiro en Corcoesto
O Responsábel Comarcal do BNG Xoán Sande lamentou o posicionamento dos populares ante un proxecto que supón colocar unha auténtica bomba de reloxería a escasos metros do esteiro do río Anllóns, a principal fonte de vida da comarca. O goberno da Xunta, nunha atitude propia doutros tempos, entrega a prezo de saldo a unha multinacional canadiana a expoliación dos seus recursos, coa complicidade dos gobernos municipais do Partido Popular, activos defensores desta auténtica barbaridade.
Os tres Portavoces Municipais e o Responsábel Comarcal do BNG indicaron que a posíbel creación duns poucos postos de traballo durante un reducido periodo de tempo non pode xustificar esta explotación a ceo aberto e con utilización de cianuro. Xogan coa miseria da xente, destacaron, referíndose á chantaxe dos postos de traballo nunha comarca cunhas elevadísimas taxas de desemprego, precisamente froito das desastrosas políticas do Partido Popular.
Criticaron ademais que se permita a expoliación dos nosos recursos a unha multinacional canadiense, para extraer o ouro coa única finalidade de especular na bolsa de Toronto. Trátase dunha explotación altamente contaminante e perigosa, que ademais non vai producir absolutamente nada, pois só vai extraer o ouro para especular con el.