BNG presenta o Manifesto e Homenaxe á Guerrilla Antifranquista na Galiza e á súa Loxística

Presentación manifesto
A organización nacionalista organizará unha serie de actos de cara á conmemoración da homenaxe que se celebrará en setembro en Cabanas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Fundación Galiza Sempre (FGS) presentaron esta mañá en rolda de prensa o Manifesto e a Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista na Galiza e á súa Loxística, que terá lugar en Cabanas no mes de setembro de 2023. No acto participaron a responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío, o tenente alcalde de Cabanas e membro da executiva comarcal do BNG, Iago Varela, o coordinador do grupo de traballo de memoria histórica do BNG, Carlos Babío, e a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, xunto con varios dos membros do grupo promotor do manifesto.

O obxectivo desta Homenaxe é honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o Réxime franquista e sufriron a súa represión, comprendendo non só ás guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma dando refuxio, xantares ou compaña, sen as cales as resistencia non sería posíbel.

Presentación manifesto

Será na fin de semana arredor do 27 de setembro deste 2023 cando o BNG e FGS organizarán en Cabanas a primeira xornada de Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística. Ademais, durante os meses que restan até a celebración da homenaxe en setembro, organizaranse unha serie de actividades vinculadas á dignificación da memoria, que incluirán relatorios, proxeccións e tamén unha baixada aos restos dos refuxios empregados polos guerrilleiros en Cal do Barqueiro.

Cabanas, base da IV Agrupación

A escolla de Cabanas para esta conmemoración non é casual, xa que este concello acolle a base da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza, que foi parte dese movemento e continuou en uso até comezos da década de 1950 en Cal do Barqueiro, nos terreos que hoxe ocupa o Parque Natural das Fragas do Eume.

“Cabanas sufriu unha especial represión durante a posguerra, con parroquias enteiras procesadas polo seu apoio loxístico á guerrilla antifranquista”, sinalou Iago Varela, tenente alcalde de Cabanas e membro da executiva comarcal do BNG, quen tamén fixo referencia á data escollida para a Homenaxe. “O 27 de setembro de 1940 tivo lugar o asasinato do alcalde de Cabanas na República, Álvaro Puentes Antón, e tamén un 27 de setembro, de 1975, producíronse as últimas execucións do Franquismo”, concluíu.

Manifesto

Co obxectivo de colectivizar a Homenaxe, o BNG e a Fundación Galiza Sempre lanzaron un manifesto cun grupo promotor de quince asinantes vencellados á memoria histórica, que fica aberto ao conxunto do pobo galego, que pode amosar o seu apoio mediante a súa sinatura na web bng.gal, onde tamén abrimos un formulario para que todas aquelas persoas que queiran aportar a súa testemuña poidan facelo.

Pola súa banda, Carlos Babío insistiu en que “debe ser unha homenaxe plural, tal e como era a guerrilla antifranquista, onde as protagonistas sexan as persoas que formaron parte da loita pola democracia e aquelas que prestaron apoio e loxística á guerrilla”.

 

Grupo promotor do manifesto

  1. FRANCISCO MARTÍNEZ LÓPEZ “QUICO”, militante da Federación de Guerrillas León-Galiza e da II Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza. Único membro vivo das guerrillas galegas.
  2. XOSÉ CARBÓN, membro da loxística da guerrilla en Cabanas.
  3. AFONSO EIRÉ LÓPEZ, xornalista e investigador.
  4. BEATRIZ PARGA MASSO, familiar de Manolo Bello, militante comunista asasinado no 1946.
  5. BIEITO IGLESIAS ARAÚXO, escritor e historiador.
  6. CARLOS MÉIXOME QUINTEIRO, historiador.
  7. CARLOS NUEVO CAL, cronista oficial de Viveiro e historiador.
  8. DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ, economista e historiador.
  9. ELISEO FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, historiador.
  10. HENRIQUE SANFIZ RAPOSO, xornalista.
  11. LUPE MARTÍNEZ, historiadora.
  12. MANUEL PÉREZ LORENZO, historiador.
  13. MONTSE FAJARDO PÉREZ, escritora.
  14. ODETTE MARTINEZ-MALER, historiadora.
  15. XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO, historiador
  16. XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN, investigador.